María Sesar, homenaxeada polos socialistas de Compostela
María Sesar, socialista e muller comprometida e loitadora, foi presentada por dúas compañeiras da agrupación: Mila Castro e Mercedes Rosón
A agrupación socialista, con motivo da celebración na xornada de onte do Día Internacional das Mulleres, rendiu unha cariñosa homenaxe a María Sesar, unha militante histórica de Compostela que, a xuízo da formación política loca, representa "á perfección" os valores do socialismo e de feminismo. Unha muller, como explicou ela mesma no transcurso do acto, que chegou "dunha aldea de vacas" a Santiago e nuns momentos moi complicados, e especialmente duros para as mulleres, foi quen de estudar e convertirse en mestra.
María Sesar, socialista e muller comprometida e loitadora, foi presentada por dúas compañeiras da agrupación: Mila Castro, secretaria xeral e integrante da candidatura de Sánchez Bugallo, e Mercedes Rosón, número dous da lista.
"A vida de María Sesar é unha mostra desas mulleres que nos dan exemplo para influir en todas nós, para facernos reafirmar nas nosas conviccións socialistas e que nos lembran que o feminismo e o socialismo é a mellor forma de vivir para mulleres e homes", manifestou Castro na presentación desta homenaxe.
No acto, que se desenvolveu na sede provisional socialista (Montero Ríos, 24), estiveron presentes compañeiros e compañeiras da agrupación, entre eles o candidato Xosé A. Sánchez Bugallo, e María Sesar, emocionada, recibiu uns agasallos ao seu remate.