miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Amplíase ata finais de mes a "Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea"

Amplíase ata finais de mes a "Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea"
Amplíase ata finais de mes a "Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea"

Está composta por máis de 200 pezas elaboradas con diferentes técnicas contemporáneas

Afundación, la Obra Social de ABANCA, acollerá ata o 31 de marzo na súa sede de Santiago de Compostela a segunda edición da "Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea" na que se presentan máis de 200 obras de artistas recoñecidos nacional e internacionalmente, ampliando así o período expositivo para atender á demanda de asistentes. A exposición, que visitaron xa máis de 6000 persoas, conta coa colaboración da Xunta de Galicia e no proxecto participa tamén o Concello de Santiago.

O uso visual da cor, a representación subxectiva da natureza e o universo feminino son os tres conceptos xerais sobre os que pivota esta segunda edición da «Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea (MiiC)», que presenta por segundo ano consecutivo en Santiago de Compostela o que se está a facer dentro da área da ilustración de vangarda a nivel mundial.

Un total de 19 proxectos ilustrados, 16 individuais e 3 colectivos, estruturan esta nova edición que se centra nas obras máis persoais, resaltando o valor artístico que a ilustración ten como medio de expresión de moitas creadoras e creadores contemporáneos, o que a constitúe como unha das ramas da comunicación máis libres e imaxinativas que existen. Un elemento que, ademais, admite un amplo abano de técnicas e que está en constante evolución.

Serigrafías, collages, cerámicas, videoclips, risografías, creacións dixitais, esculturas ou instalacións conceptuais son algúns dos formatos que se poden ver na mostra e que conforman o claro exemplo do alto grao de creatividade, experimentación e dinamismo que acolle a arte da ilustración actual. 

Así, destaca a presenza de creadores tan influentes como Christoph Niemann ou María Hesse, obras como a instalación de Héctor Francesh feita con lápices, ou unha selección colectiva que inclúe a artistas premiados no festival de ilustración de Londres (ELCAF). E é, á vez, unha plataforma de difusión de novos creadores, que dialogan no proxecto con artistas consagrados.

Esta selección ilustrada presenta tamén o que se está facendo en Galicia, onde existe unha destacable xeración de artistas que marcan tendencia tanto dentro como fose do país. Laralars, Iria do Castelo ou Bea Lema son algunhas das artistas escollidas para esta edición.

Máis de 200 pezas articulan o percorrido dunha mostra que ten no debuxo e o uso da cor o seu fío condutor, destacando a representación do mundo circundante a través dunhas ilustracións nas que subxace, de maneira máis ou menos explícita, unha crítica á sociedade actual.

O catálogo da MiiC está dispoñible en formato aplicación ( App) para móbiles e tablets, con descarga gratuíta e na que o usuario pode acceder a toda a información das obras e artistas que participan na exposición, en versións en galego, castelán e inglés. 

Creada por Kappowsky S. L, dispón dun sistema de xeolocalización de interiores que detecta a proximidade ás obras expostas e mostra a información correspondente a cada unha delas. Inclúe, ademais, rutas, fotos da exposición, contido multimedia, programa de actividades ou enlaces web dos proxectos e ilustradores.


Comentarios
Lo más