As denuncias de violencia de xénero aumentaron un 1,6% no 2018 en Galicia
Segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, en Galicia rexistráronse 6.183 mulleres vítimas de violencia de xénero
Os xulgados galegos recibiron o ano pasado 6.537 denuncias por violencia de xénero, o que supón un 1,6 % máis con respecto ao ano anterior, cando se presentaron 6.436. A maior parte dos casos (4.894) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima.
Segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, en Galicia rexistráronse 6.183 mulleres vítimas de violencia de xénero nas denuncias recibidas en 2018, un 3 % máis que no exercicio anterior.
Ao longo do ano pasado, 378 vítimas acolléronse á posibilidade de non declarar como testemuñas, o que supón un 5,8 % das mulleres, un 6 por cento menos que o ano pasado. En 2017 fixeron uso dese dereito 402 mulleres.
Galicia segue sendo unha das comunidades cunha taxa de violencia de xénero (vítimas por cada 10.000 mulleres) máis baixa do Estado, con 44,13 persoas, por detrás de Castela e León (40,83) e Estremadura (42,43). No conxunto do Estado a taxa é de 66,56. O número de ordes e medidas de protección solicitadas en 2018 nos xulgados galegos foi de 2.021 (un 4,8 % máis que o ano anterior), das que se adoptaron 1.357.