Tres empresas postúlanse á instalación de 500 luminarias LED no litoral ribeirense entre o Paseo de Insuela e o Porto de Aguiño
Esta actuación é posible grazas á axuda de fondos europeos FEDER para o programa Máis Riveira Atlántica 2020 e adscríbese á liña dirixida á mellora da eficiencia enerxética
Concluído o prazo de presentación de ofertas, foron tres o número de empresas que presentaron propostas para executar unha ambiciosa actuación destinada a mellorar a alumeado da franxa litoral a través da instalación de preto de 500 luminarias LED entre Palmeira e Aguiño.
Concretamente, a iniciativa comprende a instalación de luces no paseo de Insuela, no paseo da Ameixida, no parque de Punta do Castro e nas pasarelas das praias de Castro e A Catía, así como a renovación das luces do paseo do Carreiro e do porto de Aguiño.
En total, a inversión destinada a executar este proxecto ascende a medio millón de euros (4.999.997,47€) divididos en catro lotes, ademais do cableado e outros elementos indispensables para levar a cabo esta obra.
A actuación enmárcase na EDUSI Máis Riveira Atlántica 2020, financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020.
Adscríbese a liña de actuación deste plan denominada Mellora da Eficiencia Enerxética na Administración Pública, dentro do obxectivo temático número 4 (Economía Baixa en Carbono).
O proxecto inclúe as seguintes subactuacións:
- No paseo de Insuela, a iluminación mediante 46 balizas e 4 farolas altas do tramo comprendido entre a praia e a zona do camping.
- No paseo da Ameixida disporanse 72 balizas que percorrerán toda a infraestrutura.
- No parque de punta do Castro, disporanse 2 balizas e 26 luminarias sobre columnas, así como 2 proxectores nas pistas deportivas e 4 na zona de aparcamento.
- As pasarelas das praias de Castro e A Catía e o paseo do Carreiro disporán de 221 balizas entre todos os tramos. Tamén se dispón de alumeado para 9 farolas na rúa adxacente Andrés Torres Queiruga.
- Por último, no porto de Aguiño substituiranse todas as luminarias existentes nos viais que percorren o porto e máis o aparcamento por luces LED, ao igual que a zona residencial situada na contorna. En total as luces substituídas serán 100.
Nos catro lotes en que se divide o contrato (Insuela, Touro-Ameixida, parque e Castro-Catía e porto de Aguiño) o prazo de execución é o mesmo: 60 días.