Traballadores de ambulancias péchanse en diferentes hospitais de Galicia
O pasado luns deu comezo a terceira quenda de paros e protestas destes traballadores, que se prolongará ata o vindeiro domingo 10 de marzo,
Traballadores do servizo de transporte sanitario protagonizaron este xoves varios peches nos principais hospitais de cada área sanitaria de Galicia, a modo de medida de presión con motivo da folga que actualmente manteñen activa.
O pasado luns deu comezo a terceira quenda de paros e protestas destes traballadores, que se prolongará ata o vindeiro domingo 10 de marzo, e a través das cales tratan de lograr un novo convenio colectivo "digno" e que mellore as condicións do actual.
Así pois, hospitais de referencia a nivel galego como o Hospital Clínico Universitario de Santiago, o Álvaro Cunqueiro de Vigo ou o Montecelo de Pontevedra viviron en primeira persoa estas protestas, con peches nos despachos da xerencia de cada centro.
Segundo os traballadores, os avances alcanzados na mesa de negociación do convenio ata o momento son "insuficientes", xa que "non contemplan a recuperación do poder adquisitivo perdido desde 2015" nin teñen en conta outras medidas en materias de prevención de riscos laborais ou regulación dos contratos de prácticas.
De non alcanzarse acordo, advirten os principais sindicatos do sector a través dun comunicado, iniciarían unha folga indefinida a partir do 20 de marzo.
Mentres tanto, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 enviou esta mañá unha nova nota informativa na que condena as sabotaxes producidas contra as ambulancias con motivo desta folga, xa que esta xornada rexistráronse ata 15 vehículos coas rodas picadas.
Desde este ente público insisten en que os servizos mínimos do 100 % fixados con motivo desta folga son necesarios, dado que se trata dun servizo "esencial" para garantir o dereito á poboación para recibir asistencia sanitaria.