Sánchez Bugallo pídelle a Compostela Aberta que trate de “desactivar” algunhas das “seis bombas de reloxería” que provocou neste mandato e que, polo menos, non active máis
Dos seis temas, xudicializados en todos os casos, catro fan referencia á ORA e o guindastre
O candidato socialista, Xosé A. Sánchez Bugallo, pediulle a Compostela Aberta que nestes meses previos ás eleccións trate de “desactivar” algúns dos “seis temas bomba de reloxería” que se prevé vaian explotando ata finais de ano e, de non facelo, que polo menos “non active máis”, que é o que semella que está a facer con proxectos como o de Clara Campoamor. Os procesos da ORA e o guindastre, o da Escola Municipal de Música e o de Xade constitúen, como denunciou Bugallo, seis demandas que, ou ben poden supoñer indemnizacións para as arcas municipais de máis de de catro millóns de euros, ou poden acarrear a nulidade ou anulación de acordos que deixarían “fóra de xogo” aos traballadores que veñen prestando os seus servizos, nalgúns casos dende hai varias décadas. Sánchez Bugallo ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para abordar estas cuestións, acompañado polo número 3 da súa candidatura, Sindo Guinarte.
“Hai unha característica que teñen en común os malos estudantes e algúns gobernos que non fixeron os seus deberes ao longo dos catro anos, que é nos tres últimos meses intentan facer, no primeiro caso, o que non fixeron durante o curso, e no segundo, o que non fixeron nos 45 meses anteriores”, comezou Sánchez Bugallo, que afirmou que no caso concreto do goberno de Compostela Aberta ese tema é “patético e perigoso”.
Así, asegurou que existen seis temas que son “bombas de reloxería” preparadas, como dixo, “para explotar ao longo deste ano de forma escalonada”. Polo tanto, Bugallo considera que “o que debe facer CA, por pura responsabilidade, é tratar de desactivar algúns destas bombas e, ademais, non activar máis, que é o que aparentemente vai facer”.
Dos seis temas, xudicializados en todos os casos, catro fan referencia á ORA e o guindastre. A este respecto, lembrou que xa existe unha primeira sentenza, que condea ao Concello a pagar a Doal 620.000 euros en concepto de indemnización, e se agardan outros dous fallos, previsiblemente para antes xusto antes do verán ou para xusto despois, que se corresponden coas dúas demandas económicas de Setex Aparki, que reclama 2,1 millóns de indemnización á administración local.
O cuarto tema dos referidos ao guindastre e a ORA é a demanda que reclama a nulidade ou anulación do acordo de municipalización. Sánchez Bugallo asegurou que as consultas realizadas sobre estas demandas conclúen que o resultado nos catros casos é moi incerto, “por non dicir de que hai unha visión relativamente pesimista, independentemente de que as contías se correspondan ou non coas demandas”, manifestou o candidato. “O que nos trasladan é que é tal o despropósito, o volume de erros, os informes negativos e as decisións atrabiliarias que se tomaron, que é moi difícil que o acordo non sexa anulado”, apuntou.
Estas catro sentenzas, como engadiu Bugallo, plantexan dous problemas: en primeiro lugar, que aquelo que ía ser gratis, ao final, ademais do déficit do servizo, pode supoñer unhas indemnizacións ao Concello que acaden os tres millóns de euros, e en segundo, que a anulación ou nulidade deixa no limbo aos 36 traballadores do servizo. “Eses 36 traballadores hai dous anos eran da empresa Setex Aparki, pero agora son do Concello, polo que se o xuíz anula a municipalización, que pasa con eles?”, preguntou Sánchez Bugallo, que subliñou que este problema acarrea unha “enorme irresponsabilidade” por parte de Compostela Aberta e do alcalde, Martiño Noriega, e engadiu que “non se entende que traten de buscar unha solución razoable, que previsiblemente tería que ir por vía extraxudicial”.
A quinta bomba de reloxería é a declaración de lesividade do concurso para a adxudicación da Escola Municipal de Música. Para Bugallo, este tema se non fora pola súa gravidade, sería ata de risa porque, entre outras razóns, no escrito de trece páxinas que presenta o alcalde, Martiño Noriega, “pon a caer dun burro” o prego de condicións que cualifica como ilegal e desastroso e que, polo tanto, pide aos tribunais que o anulen. “Pero o que Noriega non di en ningunha das trece páxinas é que el foi o que aprobou ese prego de condicións, que foi elaborado polos servizos baixo a súa dependencia, foi aprobado pola Xunta de Goberno que preside e foi votado por el”, indicou Bugallo, que fixo fincapé en que isto xa ten un antecedente negativo, como é a resolución do tribunal administrativo de contratación, cun fallo contrario ao contrario e a favor da única empresa concurrente.
“Agora imos aos tribunais a pedir a nulidade”, dixo o candidato, que considera que esta situación xera dous problemas: que obteñamos ou non a declaración de lesividade, a responsabilidade non é da empresa, polo que haberá que indemnizala en calquera dos casos, e ademais, deixa aos traballadores nunha situación incerta. “Se hai lesividade, pode ter solución, pero se non se declara, e polo tanto hai que adxudicar o servizo á única empresa ofertante que prescinde dos traballadores, en que situación estamos?”, apuntou o cabeza de lista do PSdeG- PSOE, que pediu a Noriega que en lugar de abrir novos frontes, adicara un pequeño esforzo a solventar estes problemas e acadar unha solución pactada “e non tratar de gañar tempo” para traspasar estas cuestións ao goberno que entre a partir do mes de maio.
A sexta “bomba” é a demanda presentada pola empresa Xade, xestora das instalacións deportivas municipais, pola non actualización de tarifas dende 2011 e que reclama 1,5 millóns de euros de indemnización.
“Polo tanto, estamos ante catro demandas económicas que reclaman máis de catro millóns de euros, e dúas que reclaman a nulidade de decisións municipais e que poden deixar en fóra de xogo a ducias de persoas que están prestando servizo para o Concello de Santiago”, destacou Sánchez Bugallo, para o que “fronte a isto, o que decide facer CA non só non lle da solución a estes seis problemas, non se reúne con ninguén nin se plantexa buscar saídas e solucións, senón que dá patada para arriba, patada para diante e pasarlle ao que veña detrás, e ademais, quere abrir novos frontes”. Refírese o candidato ao proxecto de Clara Campoamor.
A este respecto, lembrou que o pasado venres, 1 de marzo, a Xunta de Goberno aprobaba o proxecto de reurbanización, pero non se convocaba o concurso, deixando este trámite para dentro de un mes, segundo a información facilitada polos responsables municipais. Bugallo explicou que isto débese a que non hai dotación orzamentaria e o que plantexa o alcalde pasa por pedir ao Edusi que se faga cargo do 80% dos gastos, e sacar a obra a concurso condicionado para buscar financiamento dese 20% restante. Este concurso condicionado, como indicou o candidato, supón que o concurso se convoca mais non se pode adxudicar ata que “non veña outro detrás que consiga os cartos para pagalo”.
“O mes é o prazo que se dan para buscar a quen lle empaquetan isto”, manifestou Sánchez Bugallo, que lembrou que por parte do seu grupo e doutros xa se advertiu de que queren revisar o proxecto e modificalo, polo que non entende que se saque a licitación unha actuación para a que non hai dotación orzamentaria e este goberno non ten posibilidade adxudicalo polos prazos nos que nos estamos a mover.
“O nos razoamento é moi sinxelo: vostedes (en relación ao equipo de goberno) teñen demostrado a súa incompetencia ata extremos difícilmente imaxinables, pero polo menos nos 80 días que lle quedan tenten arranxar algún dos desaguisados que deixan montados e non se dediquen a montar novas bombas de reloxería que ao que veña detrás non lle vai quedar máis remedio que aterrizar nelas”, aseverou Xosé A. Sánchez Bugallo, que subliñou que ningunha das indemnizacións previstas –unha, a de 620.000 euros, xa en forma de sentenza- estaban previstas nos orzamentos presentados, e non aprobados, por Compostela Aberta para 2019. “E estamos a falar de millóns de euros”, recalcou.
CAFÉ NA NOVA SEDE DE CAMPAÑA
Por outra banda, o candidato convidou aos representantes dos diferentes medios de comunicación da cidade a un café no que será nestes meses a sede socialista de campaña. Bugallo, que explicou que este acto cos medios será mañá xoves ás once aínda que posteriormente terá lugar unha inauguración “oficial”, informou de que dito local está ubicado no número 24 da rúa Montero Ríos.