O Grupo Municipal Popular reclama ao Goberno de Compostela Aberta que elabore un proxecto para actuar na mellora da seguridade viaria no núcleo de Sigüeiro, na parroquia da Barciela
O lugar de Sigüeiro ten reclamado desde hai anos unha maior atención por parte do Goberno municipal, nunha procura dun equilibrio de equipamentos e servizos co núcleo urbano homónimo que se atopa ao outro lado do río Tambre
O Grupo Municipal Popular presentará no vindeiro Pleno ordinario deste mes de marzo un rogo para que se leve a cabo a mellora das beirarrúas e da seguridade viaria no núcleo de Sigüeiro, da parroquia da Barciela, concretamente, nas marxes da estrada Santiago-A Coruña (N-550).
O Grupo que dirixe Agustín Hernández solicita ao Goberno de Compostela Aberta que proceda a encargar un proxecto para executar estes arranxos, sobre todo, entre o cruce da estrada AC-250 que conecta con Lavacolla e a ponte sobre o río Tambre, para o que sería imprescindible que solicitase a colaboración doutras institucións públicas, nomeadamente o Ministerio de Fomento como titular da citada estrada nacional.
Esta petición dos Populares ven motivada polas numerosas queixas da veciñanza, que consideran que esta zona está practicamente intransitable o que supón un importante risco para os peóns e, incluso, para os vehículos, xa que, moitas veces, os veciños e usuarios vense na obriga de invadir a calzada, para poder pasar sen tropezar, por mor do mal estado das beirarrúas.
O lugar de Sigüeiro, no límite municipal co veciño concello de Oroso, vén reclamando desde hai anos unha maior atención por parte do Goberno municipal, nunha procura dunha equiparación e dun equilibrio de equipamentos e servizos co núcleo urbano homónimo que se atopa ao outro lado do río Tambre.
Como denuncia o Grupo Municipal Popular, unha das demandas insatisfeitas, e que cada paso se intensifica, é a mellora das beirarrúas que flanquean a estrada N-550 Santiago-A Coruña, a principal vía de comunicación que atravesa o lugar e que rexistra unha moi elevada intensidade de tráfico.
O treito máis empregado, sobre o que se centran as preferencias de actuación por parte da veciñanza, é o que discorre entre o cruce coa estrada AC-250 que conecta con Lavacolla e a ponte que atravesa o río Tambre. Neses arredor de 500 metros sucédense as deficiencias: baldosas rotas ou inexistentes, firmes irregulares con embolsamentos de auga cando chove, invasión de maleza que estreita o paso, entre outros desperfectos.
Para os Populares, a situación resulta especialmente preocupante nas marxes do paso fluvial, onde un prolongado tramo carece de baldosas e presenta un firme irregular que dificulta o tránsito peonil.
Non obstante, a situación non é mais que o reflexo do estado de abandono por parte do Goberno de Martiño Noriega de numerosas áreas do rural, que desoe, unha e outra vez as peticións dos veciños, que ven como as súas rúas están cada vez peor atendidas.