Unha noite de incidencias en Ames
Ames foi un dos concellos no que rexistrou unha maior cantidade de incidencias na que descata a caída de árbores
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia vén de rexistrar, desde as 13:00 horas de onte ata as 7:00 horas da mañá de hoxe, un total de 207 incidencias relacionadas coa meteoroloxía adversa que está a afectar á nosa Comunidade.
Por provincias, a de A Coruña foi a máis afectada con 104 incidencias rexistradas, Pontevedra con 84, seguida de Lugo con 11 e por último a provincia de Ourense con 8 incidencias contabilizadas. A tipoloxía máis repetida é a incidencia nas estradas provocada pola caída de árbores e pólas (84) e tamén obstáculos de pedra e terra nas vías de circulación (25) e bolsas de auga nas estradas (13).
Precisamente, Ames foi un dos concellos no que rexistrou unha maior cantidade de incidencias na que descata a caída de árbores. Membros de Protección Civil xunto co capataz de obras estiveron de garda durante a noite por mor do temporal para atender cada un dos avisos que foron aparecendo no Concello.
Ningunha das incidencias provocadas pola meteoroloxía adversa revestiron gravidade. As árbores, pólas e bolsas de auga rexistradas sucederon maioritariamente en vías secundarias e fóronse solucionando a medida que foron intervindo os servizos de emerxencias.