O PP reclamará por terceira vez a reparación dunha ponte sobre o trazado da vía férrea en Castro-Busto
A mesma necesidade foi reclamada en marzo de 2018 para proceder á reparación desta ponte “antes do verán” xunto coa reparación doutras estruturas deterioradas na parroquia de Marrrozos
O Grupo Popular reclamará por terceira vez no Pleno municipal deste mes de marzo a reparación da ponte sobre a antiga vía ferréa A Coruña- Santiago no lugar de Castro, pertencente á parroquia de Busto que desde hai máis de dous anos se atopa cun dos seus muros de protección derrubado, o que supón un perigo para o tránsito viario.
A reiteración da solicitude é un exemplo palmario do desinterese e do desprezo do Goberno de Compostela Aberta polo cumprimento dos acordos plenarios, mesmo cando o seu propio grupo apoia as iniciativas aprobadas por unanimidade, posto que a reparación desta ponte era uhna das prioiridades que se sinalaban para acometer “con carácter urxente” na moción de presentada polo Partido Popular en xullo de 2017. A mesma necesidade foi reclamada en marzo de 2018 para proceder á reparación desta ponte “antes do verán” xunto coa reparación doutras estruturas deterioradas na parroquia de Marrrozos, sobre a vía férrea Santiago-Ourense, que tampouco foron abordadas.
A ponte de Castro-Busto conecta o núcleo co principal acceso da parroquia que enlaza coa N- 550 nas proximidades de Sigüeiro. Dáse a circunstancia de que mentres o firme do acceso foi renovado non hai moito tempo o muro de protección continúa a deteriorarse, producíndose novos derrubos das pezas fragmentadas nos últimos meses e coa proliferación de silvas, á espera da súa rehabilitación, pese ao perigo que supón o marcado desnivel ata a antiga plataforma ferroviaria.