miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Martiño Noriega: "O Partido Popular de Santiago está traballando para Vox e non o sabe"

Martiño Noriega: "O Partido Popular de Santiago está traballando para Vox e non o sabe"
Martiño Noriega: "O Partido Popular de Santiago está traballando para Vox e non o sabe"

COMPOSTELA24HORAS.COM fala con Martiño do pasado, presente e futuro da cidade capital de Galicia

Martiño Noriega (A Coruña, 1975) estivo vinculado á política dende 1994 cando entra como militante do Bloque Nacionalista Galego. En 2007 sae elexido alcade de Teo no que estivo oito anos. No 2012, marcha do BNG para entrar en Anova, unha escisión da formación nacionalista na que recala tamén o histórico Xosé Manuel Beiras. 

Coa chegada do 2015, volve a Santiago, a cidade na que se criou, e decide presentarse como alcalde con Compostela Aberta. Nesas municipais consegue 10 concelleiros, converténdose en gañador e desvancando ao Partido Popular que tivo un mandato convulso con tres alcaldes en catro anos e varios concelleiros imputados.

Máis alá da súa faceta política, Noriega e pai dunha nena de catro anos e fai pouco dun pequeno que ten oito meses. Médico de formación pola USC, realizou a súa especialidade de Medicina de Familia na área de Santiago e traballaou ata o 2007, ano de súa elección como alcalde de Teo, no 061.

COMPOSTELA24HORAS.COM fala con Martiño do pasado, presente e futuro. Unha conversa que xira arredor da actualidade política e social dunha cidade viva e chea de vida.

- A piques de rematar este mandato en Compostela, que lectura fas destes catro anos de Goberno de Compostela Aberta?

Foron catro anos moi intensos no que herdamos unha situación moi complicada despois dun Goberno anterior con tres alcaldes, múltiples imputados e unha corporación moi inestable. 

Nese senso, tivemos diante un reto que resolvimos con moitos máis acertos que erros. Normalizamos a vida institucional, regularizamos o día a día do Concello, aprobáronse os orzamentos tódolos anos excepto neste 2019, captáronse máis de 20 millóns de euros en fondos europeos e puxemos en marcha un modelo que está por testar nas eleccións baseado nos investimentos en políticas sociais, dinamismo cultural, recuperación de espazos verdes para o disfrute da cidadanía e participativo, poñendo en marcha políticas participativas e de corresponsabilidade da xente.

Todo esto feito nun contexto complicado no que determinados "elementos" da cidade nunca acataron o mandato dos veciños e veciñas e non recoñeceron o Goberno de Santiago como lexítimo; falo de poderes político-mediáticos.

- Cales son os proxectos que por falta de tempo quedan na carpeta do alcalde?

Sempre quedan cousas. Os ciclos na administración local teñen que ser limitados e precisamente tiven un debate persoal para decidir se volver a presentarme. Un dos motivos para repetir é rematar o traballo destes catro anos. Unha persoa non debe de estar nunha mesma institución máis de oito anos porque é o tempo para un ciclo de construcción dun proxecto e para non acomodarse nunha institución.

Hai un modelo lanzado pero temos que rematalo. Desbloquearonse debates que levaban anos parados en grandes infraestruturas como a variante de Aradas, recentemente inaugurada, petición que lle fixen ao presidente da Xunta en 2016, a conectividade da AP-9 cos barrios de Sar, Fontiñas e a Cidade da Cultura, que foi unha demanda do Concello, ampliouse a AP-9, estamos co debate de manter os investimentos de conectividade da zona norte coa cidade e temos orientado a ubicación definitiva da EDAR na Silovouta. A iso temos que sumarlle o comezo dos traballos da primeira fase da intermodal ao longo deste ano, e xa se está construindo a estación de autobuses. 

A min o que me gustaría para un segundo ciclo, a parte de preparar o 2021 que será moi potente para Santiago, e deixar rematadas estas infraestruturas que foron desbloqueadas neste mandato e que estou convencido que consolidará a Santiago nunha nova etapa na que xa está instalada.

- Cal é o proxecto do que te podes sentir mais satisfeito nestes catro anos?

Dunha cidade dos coidados, inclusiva e solidaria. Multiplicamos o investimento en políticas sociais, as bolsas de axuda a materiais e comedores, subimos o gasto medio por habitante en políticas sociais no que pasamos de 50 euros ata 120 euros por persoa. Unha cidade que inviste en non deixar a xente máis desfavorecida detrás e queda moito traballo por facer.

Tamén do propio trato coa cidade. Defendo que a institución non poder ser o principio e fin dunha cidade como Santiago porque hai moitos motores auxiliares. O Concello ten que sinalar o campo de xogo e impulsas políticas públicas e facilitar eses motores. Sempre me sentín agarimado, incluso dende a discrepancia, con colectivos veciñais ou entidades coas que manteño unha boa relación.

Ter sido alcalde desta cidade nestes catro anos é algo que nunca olvidarei na miña vida e agardo poder rematar o traballo noutros catro anos, pero síntome orgulloso de que a cidade está nunha nova etapa non só pola acción municipal senón polo conxunto da cidade, máis alá de que algúns confunden facer oposición ao Goberno con facer oposición á cidade.

- Que valoración lle das ao papel de Agustín Hernández na oposición? A Paco Reyes? A Goretti Sanmartín?

Agustín intentou, dalgunha maneira, homologar a política dos demáis na súa indecencia. É unha persoa pouco humilde e non asumiu as responsabilidades do seu mandato que deixaron moitas feridas na cidade, fixo coma unha amensia e eso lle resta credibilidade no presente.

Paco Reyes foi un voceiro do PSOE de paso, que non chegou a exercer e sempre trasladou a mensaxe doutras persoas do partido socialista que realmente foron os que exerceron no mandato. Por dicilo dalgunha maneira, fixo de voceiro da liga de veteranos do PSOE.

Gorettin Sanmartín, que a estimo no persoal, fixo un bo traballo na cidade dende a Deputación. O único que lamento é que ela e máis Rubén Cela non apostaron por traballar no Goberno da cidade e priorizar esta sobre a posición partidaria.

- Fai algunhas semanas o Partido Popular acusou ao Goberno local de repartir contratos a dedo entre empresas de persoas vinculadas a Compostela Aberta. Que ten que decir Martiño ao respecto? 

O Partido Popular está a traspasar unhas liñas estas semanas que demostran a súa desesperación. Por unha banda está a intentar xerar dudas sobre a transparencia e o funcionamento da administración local e sobre a cuestión dos contratos. Obvia ou esquece que moitas das empresas sinaladas traballaron noutros mandatos e incluso máis intensamente. Son sociedades consolidades no tecido empresarial da cidade.

Ao anterior hai que sumarlle a campaña da promesa das rebaixas fiscais, algunhas xa feitas neste mandato, e acusando directamente á esquerda de roubar cando eles veñen dun mandato anterior con problemas. Viven nunha campaña sucia que agardo que non teña credibilidade e que coido que está a facer o efecto contrario.

- Neste problema xa se están metendo medios a niveis nacionais, alleos a cidade.

Sí, é algo que está acontecendo ao longo deste mandato. OK Diario, que forma parte das cloacas mediáticas do Estado, leva difamando o Goberno local e xa existen demandas interpostas ante ese medio e a outros, que está a ver como rematarán.

O que nunca acontecera é que o Partido Popular fixera de altofalante dese xornal e que intentara difundir a mensaxe a través dos medios públicos ou afíns.

- Unha das acusacións ven do diario ABC que denuncia a adxudiación de 33.000 euros para unha páxina web de intercambio veciñal.

Prestogal foi levada entre varios barrios e impulsada nun proxecto que recibiu recoñecementos europeos e que se sustenta no comercio local e retroalimentado. Buscan vencello con esa empresa, ademáis cunha visión machista falando de "mulleres de", con sectores culturais da cidade que teñen colaborado puntualmente con grupos de traballo de Compostela Aberta e que non teñen responsabilidades culturais. 

Páreceme delirante porque esa mesma empresa ten traballado co Partido Popular con maiores cuantías, igual que outras sociedades.

- Fai poucos días acábase de presentar por parte da Xunta dunha obra producida por unha desas empresas que o PP acusa de "trato de favor".

Estamos a falar dun delirio dun partido que acusa a 20 empresas da cidade a un suposto trato de favor cando saben que non existe. O marco legal é impecable e moitas delas traballaron coas administracións autonómicas e noutros mandatos desta cidade facturando moito máis.

Vaiselles volver en contra, coma un boomerang. Percibín un malestar de varios sectores da cidade con esta maneira de facer política, non está a medir as súas consecuencias.

- Tomaredes medidas legais?

Máis alá das medidas que podamos tomar como grupo municipal, e que xa temos tomado con determinadas informacións noutras ocasións con demandas interpostas que están en conciliación, o propio sector vai a demandalo por varios lados e me consta que xa existen varias presentadas. Eles saberán as consecuencias desa forma de facer política.

- Como están as relacións entre Agustín Hernandez e o Partido Popular nestes momentos?

Rotas dende o momento que un comproba que a desesperación fai que se traspasen liñas vermellas como a difamación e confundir a oposición con facerlla á cidade.

Na conversa que mantiven con Agustín díxenlle que tivo que estar mois desesperado para facer o que fixo e a súa resposta foi: "Isto é política". Non, non o é.

- Consideras que os populares poden estar nerviosos pola cercanía das municipais?

Sí, pero tamén polo contexto en xeral. O Partido Popular de Santiago está traballando para Vox e non o sabe e todo por esa forma de facer política que teñen últimamente.

- Isaac e Abraham... volveremos a velos en Santiago? 

Agardo que sí.

- Confía na Xustiza despois do varapalo do xulgado de primeira instancia de Madrid?

Non me queda outra (risas). Hai unha demanda interposta moi traballada dende fai dous anos, documentada de maneira científica e histórica que amosa a titularidade destas dúas pezas nesta administración local e a inxustiza de que unha familia se apropiara, no contexto dunha ditadura, delas. 

De xustiza é pelexar ata o Supremo para que as dúas pezas volvan ao patrimonio público como así o decidiu o pleno da Corporación Municipal, o Parlamento galego e o Congreso dos Deputados. 

Non agardábamos a sentenza en primeira instancia, que acatamos pero que entendemos que é sesgada, extralimítase da defensa da familia Franco e da titularidade das pezas. Os Franco nunca cuestionaron a identidade e a titularidade do Concello nas figuras de Isaac e Abraham.

Entendemos que toca presentar o recurso á Audiencia Provincial de Madrid e sabemos que o fallo chegará ao Supremo xa que pode ocasionar precedente no patrimonio dos Franco. Seguimos agardando por unha senteza que faga xustiza e non nos instale nunha inxustiza sen Franco.

- A ruptura de Compostela Aberta con En Marea foi un proceso curto pero intenso. Como están agora as relacións entre as dúas formacións?

Compostela Aberta está intentando hibernar o seu espazo do debate galego e non falaría de rupturas. Compostela Aberta naceu nun contexto político-histórico no que apostou por unha candidatura cidadanista, de unidade popular e evidentamente, traballou para crear un suxeito político a nivel galego, pero é consciente de que a sitación de CA non é a mesma que a nivel galego.

Compostela Aberta desarmou as posicións de partes, as sensibilidades de formacións e partidos nun modelo de defensa da cidade. Despois de catro anos non existe ningun disenso sobre cal é o modelo de CA e sobre cal é o reto fundamental da capital do país: completar un traballo que comezou catro anos. 

Somos conscientes que esta situación non se da a nivel galego. Temos feito chamados a intermediación, a responsabilidade das partes pero tamén asumimos que se non é posible, toca preservar o espazo local, que é o que lle pode desputar a hexemonía ao Partido Popular e a dereita que ven de camiño. 

A nosa prioridade é Compostela e as eleccións de maio.

- Na túa opinión, cal sería a mellor forma de presentación de En Marea nas vindeiras eleccións xenerais?

Levo facendo un chamado a unidade, que pode interpretarse de moitas maneiras e diferentes fórmulas. Nas cidades funcionou o partido instrumental pero a nivel galego non. Máis alá da fórmula que se atope, a mensaxe que debemos mandar é que o modelo da nosa cidade, de Coruña ou Ferrol querémolo para o noso país. 

Que iso vaia acontecer? Todo mundo pensa que non pero eu non o teño tan claro, agardo que sí. E se non acontece? Os espazos locais deben protexerse porque o reto fundamental é maio. Fumos punta de lanza da ilusión e agora queremos ser da esperanza nun momento moi preocupante no que o tripartito da dereita está branqueando a extremadereita e que se está a exportar ás cidades.

- Cómo te gustaría que fora a lista de Compostela Aberta de cara as vindeiras eleccións? Gustaríache repetir cos mesmos candidatos?

Non depende de mi. Podo sinalar que quero unha continuidade co equipo que durante estos catro anos estivo no Concello, que gañou en experiencia e mellor preparado. Son consciente que hai decisións persoais. Todo iso o decidirán os veciños e veciñas de Santiago no proceso de primarias.

Esto naceu como unha fórmula participativa, que xa se deu fai catro anos, e agardo que se decida no mes de marzo porque confiamos en outra maneira de facer política no que a propia veciñanza de Compostela poida elexir se quere formar parte das listas .

- Que foi o mellor e peor destos catro anos?

O mellor foi ser alcalde dunha cidade da que levo namorado toda a vida e o peor foi o custe que tiven que pagar a nivel familiar, afectivo, de amizades... 

- A volta de Bugallo, peso pesado da política compostelá, pon nervioso a Noriega?

Non, a min, nestes momentos, nada me pon nervioso. Teño a tranquilidade de conciencia de dalo todo no persoal, por parte do equipo tamén, e a curiosidade por saber si a veciñanza vai a ratificar esa liña comezada fai catro anos, que esperamos que sí.

- E Bugallo un bo candidato do PSOE?

Non, coido que Bugallo compite, e o está a facer conscientemente, noutros espazos e con outras forzas coma o Partido Popular, tanto xeracionalmente como discursivamente. Antes falaba da liga de veteranos do PSOE, non era pexorativo pola cuestión da idade senón pola visión da cidade. É como falar do perfil de Estado de Alfonso Guerra e Pedro Sánchez, defenden ideas diferentes. 

Bugallo representa a nivel local o que representa Guerra a nivel nacional e o seu discurso está noutro espazo. Logo hai outro PSOE que está buscando outros camiños.

Tanto o Partido Popular, como Bugallo, xogan cunhas vantaxes mediáticas que non temos nós, pero chegamos aquí pola xente e se continuamos será polos veciños e veciñas da cidade e non por favores de poderes mediáticos ou económicos.

- Primeiro foi Teo, agora Santiago pero veremos a Martiño dar o salto ao panorama galego presentándose nun futuro como candidato á Xunta de Galicia?

(Risas) Agardo saltar ao meu espazo familiar afectivo e a miña profesión que é a medicina.

- Ese é o teu futuro despois da túa carreira política en Santiago?

Teño unha filla de catro anos e medio e un bebé de oito meses. A miña filla sabe que en maio os veciños deciden se teño que coidar da cidade ou non, non se fala de alcadías. Ela prefire que non siga aínda que nós queremos seguir coidando de Santiago.

As expectativas que sea crearon arredor de min non as alimentei nunca no persoal porque eu sempre collo distancia do institucional. Sempre estiven ao marxe desas expectativas e son consciente de que se teñen creado. Gustaríame rematar recuperando a miña vida persoal e profesional e iso está moi lonxe das expectativas no que me colocan noutros ámbitos.

Garantizo que se me presento neste segundo madanto fágoo para rematar o traballo, cumprir coa cidade e nunca para "un paso para outros escenarios". Reitero, agora mesmo só hai dúas opcións: rematar o traballo que fixemos nestes catro anos ou recuperar a miña vida persoal, nada máis.

Comentarios
Lo más