En Marea pide que a Xunta busque solucións ao ERTE de Bosch en Vigo
Os deputados Luís Villares e Pancho Casal reuníronse en Vigo co persoal afectado polo ERTE da empresa e anunciaron iniciativas para evitar os despidos e a deslocalización
En Marea esixiulle á Xunta de Galicia este luns que se implique na búsqueda de solucións para o conflito laboral de Bosch Vigo, onde 800 empregos están en perigo por un ERTE e xa se produciron os despidos de 200 persoas que estaban contratadas a través dunha Empresa de Traballo Temporal.
Os deputados Luís Villares e Pancho Casal reuníronse na cidade olívica co persoal afectado e anunciaron iniciativas no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados cando se constitúa para evitar os despidos e a deslocalización.
Luís Villares destacou que “non entendemos por que o Goberno permite unha deslocalización dun sector que é estratéxico para o bo funcionamento da nosa industria. Temos dúas reformas laborais que están facendo que as traballadoras e traballadores do sector de servizos máis importante do país, con 10 mil empregos, estea sendo deslocalizado sen que se faga nada para evitalo”.
O voceiro de En Marea incidiu en que “sabemos que as empresas están tendo uns beneficios ben avultados por estes servizos que prestan os e as profesionais, e polo tanto, non entendemos o por que da deslocalización”.
Así, Villares relatou que en primeiro lugar En Marea preguntará se as administracións, e concretamente a Xunta de Galicia, están tomando cartas no asunto. “Pedirémoslle a Feijóo e á Xunta que se involucren na solución do conflito e se pronuncien a favor da derrogación das reformas laborais que permiten esta inxustiza”, subliñou.
“Se a consellería de Economía quixese podería estar activa, mediando para evitar que se produza o ERTE e os despidos. Non podemos permitir a perda destes empregos para que o traballo se faga peor a seis mil quilómetros de Galicia. Preguntámonos que está facendo Feijóo para evitar esta sangría laboral e salarial”, remarcou Villares.
En segundo lugar, En Marea pedirá unha reforma do marco laboral que impida que “as boas teleoperadoras e teleoperadores de Galicia sexan despedidas para despois acabar en subcontratas en Exipto ou en Colombia”, destacou o voceiro.
Por último, quixo incidir na denuncia da fuga de datos carácter persoal e confidencial, que se están lanzando a terceiros países como consecuencia desta técnica de deslocalización. A este respecto Pancho Casal sinalou que “a cidadanía debe ter claro que se están trasladando os seus datos confidenciais a países de fóra da UE”, algo que tachou de “intolerable”.
Ademais afirmou que “é imprescindible que a Lei Xeral de Telecomunicacións obrigue a que as empresas que tratan datos sensibles obteñan estes datos de empresas do mesmo país que as que prestan o servizo principal ao cliente”, como corre en Italia ou Francia. Casal fixo fincapé tamén en que “unha das maneiras fundamentais de evitar isto é pedir a atención en galego porque así estamos garantindo os postos de traballo en Galicia”.
Luís Villares tamén lembrou que o sector do telemarketing está “moi feminizado e tradicionalmente sempre foi o máis precarizado. Se esta semana estamos a falar da fenda salarial e da igualdade entre mulleres e homes, que clase de igualdade promoven aqueles partidos políticos que permiten o despido de centos de persoas que están facendo unha magnífica labor no noso país?”.
Para concluír insistiu en que “non hai motivos económicos para levar a cabo esta suspensión de emprego, non hai motivos para os despidos. As empresas van ben e as traballadoras e traballadores teñen que seguir coa súa actividade e facelo en Galicia porque é onde se presta un servizo con mellor calidade, con mellor garantía de dereitos e que permite ter expectativa de futuro no noso propio país”.