O feminino Estrela Vermelha vai a por todas
O Estrela feminino logrou unha nova vitoria que as afianza na segunda posición e segue presionando ás Herdeiras de Dhais de Lalín, líderes invictas da categoría
Desputáronse na capital galega os dous partidos que pecharon o domingo xornada da Liga Galega de fútbol gaélico. Na competición feminina as estrelas recibían a Keltoi Vigo e na masculina o filial estreleiro recibía aos Fillos de Breogán da Coruña.
O Estrela feminino logrou unha nova vitoria que as afianza na segunda posición e segue presionando ás Herdeiras de Dhais de Lalín, líderes invictas da categoría. O partido, totalmente condicionado polas condicións climatolóxicas adversas, foi dominado de principio a fin polas compostelanas. No resultado final o Estrela Vermelha dobrou en puntos ao combinado da cidade olívica.
Por outra banda, na Liga Galega masculina, o Estrela Gaels recibía aos terceiros clasificados na táboa, os Fillos de Breogán da Coruña. Na primeira parte o resultado foi a favor do cadro visitante, aínda que a diferenza era mínima. Os primeiros compases da segunda metade facían que as bancadas locais aumentasen a presión para os coruñeses, pois un par de xogadas acertadas dos Gaels, xunto co gol do novísimo dianteiro Matías Montenegro "Matigol", situaban ao filial estreleiro a moi poucos puntos do seu rival. Porén, ao final os Fillos de Breogán tiraron de veteranía e castigaron de maneira severa as imprudencias dos Gaels. Finalmente o resultado foi demasiado avultado para o que se viu no campo. Estrela Gaels 9 - 21 Fillos de Breogán.
O Estrela feminino segue a ter opcións de gañar a Liga, mentres que os Gaels rematan a primeira volta da Liga nun meritorio undécimo posto.