Padrón contará cun tractor provisional para os traballos de prevención de incendios
O delegado territorial da Xunta asinou co alcalde de Padrón, Antonio Fernández, a cesión da nova maquinaria que lle permitirá cumprir a súas obrigas coa limpeza e mantemento da biomasa
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asinou co alcalde de Padrón, Antonio Fernández, a cesión temporal dun tractor e dous apeiros (1 rozadoira de brazo e unha trituradora suspendida traseira), que seguirá sendo propiedade da Xunta, pero estará a disposición deste concello para a prevención dos incendios forestais e para facilitarlle aos municipios beneficiados os traballos de limpeza de matogueira no ámbito das súas competencias.
Ovidio Rodeiro lembrou que recentemente a Consellería de Medio Rural asinou tamén con 20 alcaldes de toda Galicia os convenios para a adquisición doutros tantos tractores para a roza, que serán utilizados na prevención de incendios forestais nestes municipios. Os asinantes na provincia da Coruña foron os concellos de Mazaricos, As Somozas, Vedra, Vimianzo e Zas.
VÍAS DE COLABORACIÓN
En total son dúas as vías de colaboración cos municipios. Dunha banda, estes 20 convenios que se asinaron e aos que os concellos poden optar, por orde de prioridade, de acordo cunha serie de criterios obxectivos, entre os que figuran o seu número de entidades singulares de poboación, a súa superficie ou que teñan subscrito con Medio Rural o convenio para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais durante os anos 2016, 2017 e 2018.
Doutra parte, incorpórase unha segunda modalidade, a través das xefaturas territoriais. con acordos de colaboración coas entidades locais para o uso desta maquinaria, que seguirá sendo propiedade da Consellería.
OBRIGAS
A través destas colaboracións a Xunta facilita aínda máis aos concellos o cumprimento das súas obrigas en canto a execución das rozas e o mantemento das vías municipais. A esta medida hai que sumar os tradicionais convenios de colaboración para a prevención e defensa contra os incendios forestais polo que as entidades locais poden subvencionar as rozas, dispor de motobombas e brigadas municipais; e o novo acordo coa Fegamp no que Medio Rural investirá máis de 28 millóns de euros ata o 2021 para poñer en marcha un sistema público de xestión da biomasa nas proximidades dos núcleos de poboación.