O 112 Galicia atende máis de 120 incidencias polo mal tempo
A maioría dos incidentes rexistrados tiveron que ver coa caída de árbores nas estradas
Un total de 125 incidencias, entre as 09:00 e as 18:00 horas, foron xestionadas durante o día de hoxe no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia. Afortunadamente ningunha delas causou, en ningún momento, danos persoais.
A maioría dos incidentes rexistrados tiveron que ver coa caída de árbores nas estradas (56), seguidas das relacionadas coa prevención de riscos (28) e (15) incidencias rexistradas pola presenza de obxectos varios nas estradas.
A provincia da Coruña foi a mais afectada con (64) incidencias, Lugo con (39), seguida de Pontevedra con (15) incidentes rexistrados, (6) na provincia de Ourense e (1) noutras Comunidades.
En canto aos accidentes rexistrados nas últimas horas, o 112 Galicia destaca a caída dun vehículo por un terraplén en Ponte Caldelas deixando ferido ao condutor.
No momento de producirse o accidente, o condutor circulaba pola estrada PO-532, á altura de Tourón, no concello pontevedrés de Ponte Caldelas.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do accidente sobre as 13:30 horas deste mediodía. A esa hora, unha persoa particular indicaba que un turismo caera por un terraplén, no punto indicado, e batera contra unha árbore despois de saírse da vía. Segundo o seu relato, o home atopábase dentro do vehículo, o cal fumeaba.
De inmediato, desde o 112 Galicia pasouse aviso ao 061-Urxencias Sanitarias e aos Bombeiros do Morrazo e de Pontevedra. Tamén se solicitou a colaboración dos axentes de Tráfico.
Con todo, os Bombeiros de Pontevedra indicaron que cando chegaron ao lugar, o home xa saíra polos seus propios medios do interior do turismo, polo que non foi preciso excarcerar. Unicamente, lle axudaron a subir polo terraplén.