Ferida unha muller tras sufrir un golpe polo incendio do seu galpón
Unha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias trasladou á muller ferida ao Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo
Unha muller resultou ferida tras sufrir un golpe despois de incendiarse unha corte con animais situada no baixo da súa vivenda, no lugar de Penamil, en Navia de Suarna (Lugo).
Aínda que se descoñecen con exactitude as causas que motivaron o lume, todo parece indicar que un forno de facer pan que había no interior do pendello e onde previamente utilizaran os donos, puido ser a orixe do incendio. Debido ao fume provocado morreron tres porcos, dous tenreiros e as galiñas que había no pendello, ademais, o teito tamén se viu afectado, o que probablemente, causou a caída da dona deixándoa ferida. Así o relataban os membros do GES de Becerreá, tras dar por finalizada a extinción das lapas.
Sobre as 00:00 horas desta noite, os mesmos donos da casa alertaban ao 112 Galicia. Indicaban que lles estaba ardendo a corte que teñen baixo a vivenda. Foi a partir dese momento, cando desde o 112 Galicia se alertou decontado aos Bombeiros de Sarria, ao GES de Becerreá e á Garda Civil, que nada mais chegar, os axentes, solicitaron asistencia sanitaria para unha muller que levara un golpe, tras a caída dunha viga.
Unha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias trasladou á muller ferida ao Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo.
Ao redor das 03:00 horas da madrugada, os efectivos do GES de Becerreá daban por finalizadas as tarefas de extinción.