miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Manuel Jabois inaugura o Entroido de Compostela

Manuel Jabois inaugura o Entroido de Compostela
Manuel Jabois inaugura o Entroido de Compostela

O día grande do Entroido, o martes 5, arrincará co obradoiro de xenerais da Ulla que se celebrará no Pazo de Bendaña de 12:00 a 14:00 horas

Na tarde de onte o periodista compostelán Manuel Jabois, no Pazo de Bendaña, deu por inaugurado o Entroido de Compostela que comezou onte e rematará o vindeiro mércores coa quema do meco. Precisamente, este ano, o excomisario Villarejo toma o protagonismo deste meco que está exposto no balcón do citado pazo da Praza do Toural.

O domingo 3 de marzo haberá animación de rúa dende as 10:30 horas coa comparsa Os Conformistas de Conxo, acompañada da charanga Os Atrevidos. O seu percorrido arrincará de Conxo e rematará na rúa da Raíña despois de percorrer as rúas Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Xeneral Pardiñas, Alameda, praza do Toural, rúa Nova, Praterías, rúa do Vilar e rúa do Franco.

Na mañá do domingo tamén está programado, no Teatro Principal, un concerto da Banda Municipal de Música de Santiago en colaboración coa asociación Amigos da Ópera de Santiago. O recital dirixido por Casiano Mouriño estará protagonizado por Lucía Tavira, soprano cordobesa gañadora do I Certame Compostela Lírica.

A cita central da xornada será o Festival Infantil de Disfraces que, como é habitual, se celebrará na Sala Capitol e no que poderá participar calquera neno ou nena menor de 14 anos. A festa estará animada por A Run Run, co seu espectáculo Déixalle ao Dillei, e haberá baile, sorteo de agasallos e concurso de disfraces en tres categorías: individual, parella ou grupo. Os premios son doados por El Corte Inglés.

Os nenos e nenas serán tamén os protagonistas das propostas programadas para o luns 4 de marzo. No Pazo de Bendaña haberá obradoiros de máscaras surrealistas entre as 12:00 e as 14:00 horas, con entrada libre ata completar as prazas dispoñibles. Pola tarde, de 18:00 a 20:00 horas, Pesdelán dirixirá un obradoiro de danzas de Entroido, tamén no Pazo de Bendaña. Pola tarde tamén haberá pasarrúas coa charanga Estradens Band, dende a praza Roxa ata a rúa de San Pedro.

MARTES DE ENTROIDO

O día grande do Entroido, o martes 5, arrincará co obradoiro de xenerais da Ulla que se celebrará no Pazo de Bendaña de 12:00 a 14:00 horas.

Xa pola tarde, terá lugar o agardado desfile de Entroido, que partirá da avenida de Ferrol ás 17:30 horas, e que percorrerá as rúas Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Senra e avenida de Xoán Carlos I. Ao remate do percorrido, os participantes concentraranse na Sala Capitol, onde a partir das 20:00 horas terá lugar a presentación do espectáculo Antroidanzas, con Pesdelán, e posteriormente a entrega dos premios do desfile.

No desfile do Martes de Entroido vanse repartir preto de 14.000 euros en premios en seis categorías: carrozas, comparsas, grupos, mellor parella, mellor disfrace individual e mellor comparsa de parroquias ou barrios do Concello de Santiago.

Xa ao día seguinte, o mércores 6 de marzo, Santiago despedirá o Entroido coa Queima do Meco na praza Roxa, despois do seu desfile dende a praza do Toural pola rúa Nova, rúa do Vilar, Senra, Doutor Teixeiro e República do Salvador. A comitiva irá acompañada de A Ruliña de Laraño e da charanga Estradens Band, e de todas as persoas que o desexen que deberán vestir rigoroso loito para a ocasión.

Comentarios
Lo más