A Cidade da Cultura despide hoxe a "Castelao Maxistral"
A mostra permitiu ver por vez primeira en Galicia o lendario lenzo ‘A derradeira leición do mestre’, que supera xa as 40.000 visitas durante os 120 días de apertura
A Cidade da Cultura clausura este domingo, 3 de marzo, Castelao maxistral cun exitoso balance, xa que se trata da exposición máis visitada da historia do Gaiás, cunha cifra que supera as 40.000 persoas durante os 120 días de apertura ao público. Este alto número de visitas tiveron como principal motivación o fito histórico de ver por vez primeira en Galicia o lendario cadro A derradeira leición do mestre, pintado polo artista de Rianxo en 1945 en homenaxe ao amigo e intelectual galeguista Alexandre Bóveda, asasinado en 1936, e que nunca antes tiña saído do Centro Galicia de Buenos Aires, institución á que pertence.
Hai que salientar, como balance desta exposición, que unha media de 303 visitantes diarios achegáronse ao Museo Centro Gaiás, atraídos pola oportunidade histórica de ver este óleo icónico, considerado o Guernica galego. Esta cifra de visitantes/día tamén bateu un récord na ‘biografía’ do Gaiás, superando incluso á de Gallaecia Petrea, que rexistrou unha media de 279 visitantes por día. Cómpre recordar que aquel foi un número especialmente alto, no que tamén influíu —ademais do interese da mostra — a curiosidade que moitos galegos e galegas sentían por achegarse por primeira vez ao Museo Centro Gaiás, que botou a andar con ese proxecto expositivo.
Entre as cifras, tamén son moi especialmente significativas as de escolares; preto dos 9.000 de diferentes cursos e provenientes de 120 centros educativos de toda Galicia. Precisamente, nesta recta final, a Cidade da Cultura está a organizar esta semana unha serie de debates escolares ao redor de A derradeira leición do mestre. Más dun cento de estudantes do último ciclo da ESO e de Bacharelato de diferentes centros de Galicia están a acudir ao Museo Centro Gaiás para participar en diálogos moderados por xornalistas, que lles convidarán a reflexionar sobre o valor da educación nas sociedades democráticas.