Agustín Hernández reúnese cos veciños do rural de Compostela
En materia de impostos, Hernández destacou o seu compromiso por levar acabo unha mellora fiscal para os santiagueses, que terá unha especial incidencia nos veciños do rural
O presidente do Partido Popular e candidato á alcaldía, Agustín Hernández, mantivo unha reunión con máis de 50 representantes das 21 parroquias que conforman o rural santiagués. Durante a xuntanza, Hernández puido escoitar moitas das inquedanzas dos veciños, que todas tiñan un nexo común que non é outro que “o total abandono por parte do Goberno de Compostela Aberta destas zonas da capital de Galicia”.
No transcurso deste distendido encontro, a veciñanza puxo en coñecemento do candidato “a falta de vontade por parte do equipo de Martiño Noriega para solucionar problemas cotiáns que dificultan a calidade de vida dos veciños”, que a pesar de pagar os seus impostos carecen dalgúns dos ser vizos máis básicos.
Especial preocupación supoñen as parroquias máis pequenas e aloxadas do centro de Santiago que ven pasaron xa case catro anos sen ter ningunha mellora das prometidas en período electoral por parte de Compostela Aberta.
Hernández quixo deixar constancia que o seu proxecto “é un proxecto para todos sen exclusións, que está centrado no traballo e na ilusión por devolver a Santiago ao espazo que merece”.
O presidente Popular manifestou tamén o seu agradecemento a toda a xente que está a colaborar con el e pediulle que lle fixeran chegar as súas peticións co fin de incorporalas ao programa do Partido Popular, no que xa leva traballando varios meses. O líder dos Populares destacou que non “hai peticións imposibles senón falta de vontade por parte dos que agora dirixen á cidade, que deixaron pasar 4 anos sen facer case nada”.
Agustín Hernández agradeceu a alta participación neste encontro e comprometeuse seguir mantendo contactos directos que faciliten o coñecemento das carencias das parroquias santiaguesas, que na súa maioría son moi coincidentes, xa que en todos os lugares existe un saneamento e abastecemento moi precario, pistas en estado de abandono, numerosas fochancas, falta de limpeza das gabias e de rozas na tempada que corresponden.
En materia de impostos, Hernández destacou o seu compromiso por levar acabo unha mellora fiscal para os santiagueses, que terá unha especial incidencia nos veciños do rural, que entre outras vantaxes, poderán contar cunha baixada no recibo do IBI e recibir bonificacións do 45 ao 90 % por carencia de servizos básicos.
Explicoulle tamén que o seu equipo leva tempo traballando nun Plan para o rural que recolla as necesidades das parroquias de Santiago, con disintas medidas que suporán un impulso para o rural santiagués, compaxinando a modernización destas zonas e a explotación dos seus recursos naturais.