miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A Xerencia do CHUS demora as citas pendentes solicitadas polos facultativos en case ano e medio

A Xerencia do CHUS demora as citas pendentes solicitadas polos facultativos en case ano e medio
Foto de arquivo
A Xerencia do CHUS demora as citas pendentes solicitadas polos facultativos en case ano e medio

Segundo denuncia a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, faino pechando ilegalmente as axendas

Segundo denuncia a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, a xerencia do CHUS segue vulnerando a legalidade vixente en materia de xestión de listas de espera e está aprazando ata xuño de 2020 solicitudes facultativas cunha indicación de demora non superior a 3 meses para probas diagnósticas de xinecoloxía e citas posteriores de consultas externas para control de probas, baixo a escusa de que están pechadas temporalmente as axendas para organizar as quendas de vacacións do persoal sanitario durante os meses de verán.

Este é o caso da paciente M.I.M.F. “O 08/02/2019 o facultativo do servizo de xinecoloxía do CHUS emitiu unha solicitude para que me realizasen unha ecografía xinecolóxica no prazo máximo de 2 a 3 meses, coa finalidade de descartar a existencia dun posible cancro, dados os meus antecedentes familiares. Na mesma data, o facultativo solicitou cita no mesmo prazo máximo de 2 a 3 meses para consulta de resultados. É dicir, en ambos os casos, 90 días de prazo máximo, con data límite o 8 de maio de 2019. Coas solicitudes anteriores presenteime no mostrador de admisión do servizo onde, desatendendo as indicacións do especialista, a cita que me outorgan para a ecografía e posterior de resultados é para o 09/06/2020, o que supón 397 días despois da data límite fixada polo facultativo.”

Segundo afirma a asociación, teñen coñecemento de que este non é o único caso e que son moitas as pacientes ás que se lles está dando cita con demoras superiores a un ano a pesar da recomendación do facultativo. En concreto, a unha paciente de oncoxinecoloxía que tamén debe realizar unha ecografía de útero a cita déuselle, en maio de 2018, para outubro de 2019. Por iso vemos necesario informar a cidadanía que se está producindo a seguinte vulneración dereitos: 

A Asociación indica que a xerencia, non só debe coñecer, senón que está obrigada garantir os tempos máximos de espera previstos na normativa vixente en materia de información e control da demanda de actividade programada para consultas externas e, por aplicación analóxica, para probas diagnósticas. A vixente orde, de 13 de xullo de 2004, establece, no seu artigo 10.4, que o servizo de admisión, no suposto, como é o caso, de que exista indicación facultativa de que a consulta se realice nunha data determinada distinta da primeira data dispoñible, a cita subministrarase de acordo coa indicación do médico prescritor, rexistrándose no sistema de información como cita a data prefixada ou próxima ao criterio médico. Se a cita foi fixada polo facultativo nun prazo máximo de tres meses, a inclusión na lista de espera con cita en xuño de 2020, constitúe unha flagrante violación do dereito que temos os pacientes a ser atendidos de acordo cos criterios clínicos e, polo tanto, de acordo coa gravidade da nosa doenza.

Por outra parte, o peche de axendas como procedemento de organización ordinario das listas de espera non está permitido polo ordenamento xurídico porque isto afecta á saúde dos pacientes, ás súas expectativas de curación e ao principio de certeza nos tempos de tratamento. O artigo 9 da citada orde dálle a esta eventualidade carácter excepcional e formula como pauta de conduta administrativa que as axendas deben ser o máis estables posibles, evitando cancelacións, reprogramacións e rectificacións de citas e impide a existencia de pacientes en espera para a asignación de data de cita. Se, como afirmou recentemente a xerencia a través dun xornal, as citas se están dando de xeito provisional e que serán modificadas unha vez que as axendas se volvan a abrir, estamos ante a situación que a norma expresamente prohibe, acreditando a inclusión nunha lista estrutural cando en realidade é unha situación encuberta de espera para a asignación de cita. O peche das axendas e o mantemento de pacientes en espera de asignación de cita, só está prevista para casos excepcionais, debidamente autorizados polo director xeral de asistencia sanitaria sempre que estea suficientemente motivada e durante un período de tempo coñecido e determinado. Hoxe, ningún paciente sabe se vai ser atendido nos tempos máximos nin coñece cando tempo vai a estar nesta situación. A organización das quendas de vacacións do persoal sanitario non pode considerarse causa de peche excepcional das axendas por canto se trata dunha eventualidade coñecida, programable e reiterada no tempo.

Para que a un paciente lle sexa asignada unha cita nun prazo máis curto unha vez que a correspondente axenda se abre, debe ser o propio paciente o que acuda en persoa ao servizo de citación do hospital para solicitar o cambio de data, o que claramente é un inconveniente porque se trata de horario de traballo para calquera persoa. O máis lóxico parece que, se se van ampliar as citas nunha determinada data, a propia administración se ocupe de reasignar as citas tendo en conta as necesidades. As axendas non se fixan respectando a legalidade e, polo tanto en función das necesidades de atención facultativa, senón da capacidade, dispoñibilidade de tempo e vontade do paciente para reclamar o exercicio dun dereito recoñecido legalmente.

Ademáis, estase a falar unha vez máis de carencias e deficiente funcionamento da sección de xinecoloxía, o que consideramos que merece tamén unha reflexión. As autoridades sanitarias fan campañas publicitarias tratando de concienciar as mulleres da conveniencia de realizar revisións e de detectar os posibles problemas o máis pronto posible, pero, unha vez que somos conscientes do tema e tratamos de seguir as recomendacións que nos lanzan desde os medios de comunicación e as campañas pagadas cos cartos públicos, os servizos sanitarios colocan unha auténtica carreira de obstáculos ante as pretensións de calquera muller de realizar as oportunas revisións nun prazo razoable dentro da sanidade pública, incluso se existen antecedentes familiares ou a propia persoa ten xa doenzas previas que farían aínda máis necesaria a vixilancia. Isto quere dicir que o que se pregoa en público non é máis que de cara á galería, logo tómannos case que por histéricas se o queremos levar á práctica.

Comentarios
Lo más