miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Investigadoras da USC reclaman unha mellora das súas condicións laborais

Investigadoras da USC reclaman unha mellora das súas condicións laborais
Investigadoras da USC reclaman unha mellora das súas condicións laborais

Queren defender unha universidade digna, unha universidade da que se poidan sentir orgullosas e que garanta de xeito real as condicións mínimas que os seus membros precisan para poder desenvolver unha investigación de calidade

A Universidade de Santiago de Compostela, como tantas outras universidades do sistema español, leva anos sufrindo precariedade e recortes que repercuten negativamente non só nos dereitos laborais das persoas empregadas na universidade, senón tamén na calidade da investigación e da docencia impartidas. Onte diante do Pazo de San Xerome estiveron os investigadores para reivindicar os dereitos como traballadoras da USC.

Queren defender unha universidade digna, unha universidade da que se poidan sentir orgullosas e que garanta de xeito real as condicións mínimas que os seus membros precisan para poder desenvolver unha investigación de calidade e que contribúa ao progreso da nosa sociedade. 

O equipo de goberno non é alleo a esta situación. O Reitor Antonio López, no seu discurso no acto de apertura do curso 2018/2019, xa dixera que consideraba “da máxima relevancia e urxencia avanzar na regulación e mellora das condicións laborais do importantísimo número de traballadores contratados con cargo ao capítulo VI para atender necesidades de investigación (arredor de 1000 persoas)”. 

Nese sentido, tamén o Xerente, Javier Ferreira, recoñecera nunha entrevista publicada o 20 de xullo de 2018 “ter 900 persoas contratadas con cargo a proxectos de forma precaria”. Pero non só as persoas contratadas con cargo a proxectos sofren esta situación de precariedade laboral, senón que outra gran parte do persoal investigador contratado na USC se atopa actualmente sumido na mesma inxusta e indigna circunstancia.

O certo é que dende o 2016 en adiante, na USC agravouse notablemente a discriminación laboral. O 2016 foi o ano no que a USC subiu un 1% o salario a parte do seu persoal contratado de acordo ás subas salariais para empregados públicos que estaban contempladas nos orzamentos da Xunta. A este 1% sumouse outro 1% no 2017, un 1,75% no 2018 e un 2,25% no 2019. 

A USC deixou fóra destes incrementos salariais a parte do persoal contratado con cargo a actividades de I+D+i, en concreto, a algunhas das persoas que entraban como contratadas na USC a través de convocatorias públicas. Así é que se dan situacións tan inicuas como que, por exemplo, unha investigadora en formación contratada con financiamento do Ministerio (FPU/FPI) estea a percibir en 2019 1.006,76 € anuais menos que o salario mínimo que establece a propia Universidade para esa categoría laboral.

Pero o 2016 foi un ano negro para a investigación universitaria pública en Santiago de Compostela tamén por outro motivo: foi o ano no que a USC deixou de pagar, a algunhas persoas contratadas a cargo de convocatorias públicas, a indemnización por extinción de contrato da que antes si se facía cargo. Un dereito básico recollido no Estatuto dos Traballadores e ao que en ningún caso podemos renunciar.

A escusa dada pola USC en múltiples ocasións é que non dispón de fondos para complementar o salario que establecen como mínimo as bases de cada convocatoria. Porén, grazas aos datos proporcionados pola Secretaría Xeral de Universidades respecto ao Plan Galego de Financiamento Universitario, os investigadores puideron coñecer que, no referente ao ingresos que a USC recibe da Xunta por captación de talento investigador predoutoral, só no ano 2017 a nosa universidade ingresara máis de 1.3 millóns de euros. 1.3 millóns de euros extra, xerados pola captación desas investigadoras e deses investigadores predoutorais aos que, de maneira simultánea e paralela, se lles está a negar as subas salariais ás que teñen dereito debido a unha suposta falta de cartos. 

"Non podemos permitirnos o luxo de calar ante a presente inxustiza. Porque non é decente que unha universidade que presume de excelencia na investigación e no trato ás súas investigadoras e investigadores sexa a responsable da situación que hoxe denunciamos. Porque, como sociedade que aposta polo progreso e o coñecemento, non podemos tolerar que a universidade, máxima responsable de levar a bo porto estas aspiracións, sexa a primeira en poñerlles atrancos tratando inxustamente ao seu persoal investigador", aseguran dende a plataforma de investigadoras. 

Comentarios
Lo más