Críticas do Partido Popular á reforma da igrexa de San Pedro de Busto
A actuación foi rematada en 2018 polo Consorcio e supuxo un investimento de máis de 35.000 euros
As obras de conservación da igrexa de San Pedro de Busto que o Consorcio de Santiago rematou no pasado ano supuxeron unha notable mellora nas condición xerais do inmoble ao sanearse as fachadas e a torre do campanario, limpar a pedra, retellar e instalar un canalón e as correspondentes baixantes. Tamén se substituíu o luvernario de carpinteira de alumino de acceso á cuberta.
Foron un conxunto de actuacións nas que se investiron máis de 35.000 euros, razón pola o Grupo Municipal Popular non comprende que, entre esas actuacións, non se incluíra a renovación do vidro escachado que se pode apreciar nun dos seus laterais, o que fai desmerecer a valiosa actuación realizada.
Para o Grupo que dirixe Agustín Hernández "é como pouco curioso e sorprendente este esquecemento cando no propio proxecto datado en abril de 2016 xa se recollía unha fotografía deste lateral co vidro deteriorado e a pesar de que se actuou sobre o conxunto desa fachada, limpando as revocadura e pintándoa na súa integridade, a ventá mantívose exactamente igual que estaba".
Co fin de tratar de solucionar esta situación, o Grupo Municipal Popular vai presentar unha iniciativa no vindeiro Pleno municipal para que se inste ao Consorcio de Santiago, do que o alcalde de Santiago é presidente, para que proceda a renovar esta peza que desentona coa actuación e co investimento realizado.
"Esta situación aínda que inconcibible, non é rara nos modos de traballar o Goberno que dirixe Martiño Noriega, que xa ten acostumados aos veciños ao seu desleixo á hora de levar a cabo actuacións de distinta índole" rematan os populares.