Agustín Hernández lamenta que Martiño Noriega non rematara en catro anos as obras de Vista Alegre
A veciñanza sofre eivas na accesibilidade, mala coordinación do movemento de vehículos, problemas de iluminación e cableado ao aire, a pesar de ter as tubaxes xa instaladas
Agustín Hernández, presidente e do Partido Popular e candidato á alcaldía de Santiago de Compostela, visitou o emblemático barrio santiagués de Vista Alegre, comprobando, xunto cos veciños, que "nos catro anos de Goberno de Compostela Aberta, o equipo de Martiño Noriega non foi quen de rematar unhas obras que o Partido Popular xa deixara licitadas".
Hernández, que estivo acompañado pola concelleira María Antón, fixo un percorrido polas rúas deste barrio, "sen observar ningunha mellora desde a súa última visita no pasado mes de maio, cando os Populares comprobaron a paciencia da veciñanza, que soporta o lamentable estado desta Area de Rehabilitación Integral (ARI)", denuncian os populares.
"Resulta incomprensible que en todo este tempo Compostela Aberta non puidese levar a cabo a rehabilitación dun barrio, que aínda ten sen atender moitísimos puntos que afectan á vida cotiá dos veciños, como eivas na accesibilidade, mala coordinación do movemento de vehículos, problemas de iluminación e cableado ao aire, a pesar de ter as tubaxes xa instaladas" din dende a formación azul compostelá.
Os veciños lamentan a mala xestión na recollida de lixo, e que os contedores de lixo non están a funcionar. Ademais, é necesario actuar en zonas peonís que soportan coches mal aparcados, o que impide o acceso aos garaxes e dificulta o tránsito das persoas con mobilidade reducida.
Xa hai uns meses o Partido Popular fixou un díptico no que se denunciaban as numerosas carencias que estaban a soportar os veciños de Vista Alegre, unha publicación que hoxe en día segue en total vigor, posto que o Goberno de Martiño Noriega nada ten feito para arranxar os problemas que nel se denunciaban.