O Coliseo Noela acollerá este venres a presentación do libro “O fútbol na Ría de Muros Noia, do 1968 ao 1971”
Á presentación deste venres está prevista a asistencia de máis de 200 persoas, que recibirán un exemplar do libro como agasallo
O Coliseo Noela acollerá este venres 1 de marzo, ás 20:30 horas, a presentación do libro “O fútbol na Ría de Muros Noia, do 1968 ao 1971”, unha iniciativa de sete veciños da comarca que participaron nesta liga dos catro concellos: Noia, Muros, Outes e Carnota. Un acto que foi presentado este o luns polo alcalde de Noia, Santiago Freire; e a alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso; que acompañaron a cinco dos sete promotores da iniciativa: Domingo Ramón Campos Alborés, Nicolau Torea Tobío, Diego Mayo Mayo e Antonio Antelo Blanco. Non puideron asistir Juan Jesús Gestal Otero, Manuel Abeijón Vara e José Riomao Rey.
Santiago Freire felicitou a estes veciños polo traballo realizado neste libro porque “o importante é recoñecer as vivencias deses heroes, deses gladiadores que nunhas condicións non comparables coas actuais foron os precursores desa afección ao fútbol que xurdiu no territorio. Una afección que hoxe ten instalacións máis axeitadas e cómodas, así como un maior apoio da familia”.
Un punto no que incidiu María Xosé Alfonso, pois “é importante que a xente saiba que non todo foi tan doado como hoxe en día. O espírito do que se facía antes é o que se reflexa agora no equipo feminino das Miúdas e espero que iso se manteña”. A alcaldesa de Muros cualificou este libro como “unha iniciativa fermosa e importante para o Concello de Muros en xeral, e para a parroquia de Esteiro en particular, porque hai unha longa tradición futbolística”.
DOMANIJUDIANO
O libro “O fútbol na Ría de Muros Noia, do 1968 ao 1971” xurde da iniciativa de sete veciños da comarca que, baixo a denominación Domanijudianjo (acróstico dos seus nomes) quere “facer un recoñecemento ao movemento futbolístico afeccionado entre 1968 e 1971”, explicou Diego Mayo Mayo. Un recoñecemento “aos 19 clubs participantes, ás 400 licenzas nominais dos equipos... Na actualidade hai 12 clubs federados”, apuntou.
Pola súa banda, Domingo Ramón Campos explicou que “este libro o definimos como unha ollada ao pasado para entender e poder explicar o presente”. Así, puxo como exemplo que “só un dos catro concellos tiña campo de fútbol: Noia, non había outro” e apuntou anécdotas que se recollen na publicación como que “cando se ía xogar a Muros había que esperar a que baixara a marea para xogar” ou que “na Serra de Outes os que fixeron o campo foron os propios xogadores, talando eucaliptos no monte para facer as porterías”. Unhas anécdotas ás que Diego Mayo engadiu que “os partidos se xogaban nos areais. O partido empezaba e acaba coa marea, salvo que xogaramos ao waterpolo”.
Por iso, Domingo Ramón Campos aseguro que “non se pode entender o deporte de hoxe sen as raíces da actividade deportiva de antes. Os medios hoxe si son bos e, se os comparamos cos que tiñamos nós, era como comparar o primeiro co terceiro mundo”.
COLISEO NOELA
Á presentación deste venres está prevista a asistencia de máis de 200 persoas, que recibirán un exemplar do libro como agasallo. Unha publicación da que se editaron máis dun milleiro de exemplares grazas á colaboración dos Concellos de Noia, Muros, Outes e Carnota, as confrarías de pescadores de Noia e de Muros e á Secretaría Xeral de Política Lingüística.
No acto do venres 1 de marzo, ás 20:30 horas, está prevista a participación dos catro alcaldes promotores da publicación, así como dos sete integrantes de Domanijudianjo, que estarán coordinados por Héctor Manuel Pose Porto, doutor en psicopedagoxía pola Universidade da Coruña, que actuará como moderador da xornada.