Ribeira presenta a súa programación de Entroido
O orzamento dedicado ao Entroido polo Concello de Riveira incrementouse en 15.000 euros, pasando de 40.037 o pasado ano a 55.357 euros
O Entroido recalará no municipio de Ribeira entre o 1 e o 10 de marzo coa programación máis completa de cantas ten organizado nunca o Concello e cun importante incremento orzamentario respecto a anos anteriores. Este calendario de eventos festivos foi presentado a pasada semana polo alcalde Manuel Ruiz acompañado dos técnicos de Cultura Unai González e Sandra Sampedro. O rexedor calificou ao Entroido riveirense como os grandes carnavais “da parte costeira e sur de Galicia”.
O orzamento dedicado ao Entroido polo Concello de Riveira incrementouse en 15.000 euros, pasando de 40.037 o pasado ano a 55.357 euros.
Ademais, haberá destacadas novidades, caso das actividades infantís no Espazo Municipal de Usos Múltiples que terán lugar os días 1,2, 4, 5 e 6 de marzo, os inchables nas rúas e prazas ao longo do Entroido (entre os mesmos, dous grandes parques de inchables os sábados 2 e 9 de marzo na praza do Concello e rúa de Galicia), o reforzo da iluminación con 65 arcos de baixo consumo con temática de Entroido e outros elementos en zonas de ocio como rúa de Portugal, Sal, Ramón y Cajal, Santa Uxía, Estatuto, Carlos Casares, General Espartero, Alcalá Galiano, Parque García Bayón, prazas de Compostela, Vigo e Teruel.
SESIÓNS VERMÚ
O alcalde tamén destacou a animación de rúa coas charangas O Santiaguiño de Padrón, Os Celtas da Baña, Charanga BB+ ou Fanfarria Furruxa, que actuarán do 1 ao 10 de marzo en horario diurno e nocturno, ou os concertos de grupos locais como Pan de Millo (sábado 2 ás 13 horas no García Bayón) e Zafarrancho (luns 4 ás 13 horas na praza Uxío Novoneyra.
Tamén haberá monólogos humorísticos con Padre Merino e Malala Ricoy (praza de Porta do Sol o sábado 2 de marzo ás 21 horas), sesións de baile para maiores (sábado 2 no Liceo Marítimo de Riveira co Trío Arena e domingo 3 ás 19 horas na Casa do Mar de Corrubedo co Dúo Carpe Diem).
Doutra banda, incrementáronse os premios dos concursos de disfraces ata 5.000 euros (en lugar de 1.000 de edicións anteriores) dividíndoos en dúas xornadas o luns 4 e o sábado 9, estendendo así a celebración do Carnaval ao fin de semana do Pequeño Entroido, con 30 locais participantes. Do mesmo xeito, haberá unha Ruta de Tapas que pasa dun a dous días no que están implicados 15 locais hostaleiro.
MURGAS
O Festival de Murgas e Comparsas trasládase ao domingo 3 e repartirá 6.000 euros entre gratificacións e premios, con saída do auditorio ás 17 horas nun desfile acompañado de tres charangas e os grupos participantes que percorrerán a cidade para logo actuar na carpa do Malecón conducidos polo famoso humorista galego Pedro Brandariz.
As participantes serán:na categoría adulta, Murga de Carreira, Murga de Castiñeiras, Murga Os de Sempre de Porto do Son, Murga da Residencia do Maior, Murga do Club de Xubilados de Riveira, Murga do Club Terceira Idade Santa Uxía e Murga da Cofradía da Dorna; na categoría infantil estarán Alfaia e El Tomasón e como comparsas, Haveira, Alfaia e Tempos de Guerra de Porto do Son.
Contaremos tamén co Enterro do Felipe con degustación de doces típicos do Entroido, inchables nas rúas e prazas ao longo das celebracións así como a colaboración da hostalería organizando concertos e actividades nos seus locais durante os días de Entroido.