Encontro con Suso de Toro na Facultade de Filoloxía
Dá continuidade ao celebrado previamente con Yolanda Castaño
Os gañadores e gañadoras do Certame literario Mazarelos manterán hoxe mércores 27 un encontro literario co escritor Suso de Toro na libraría Numax. Esta é unha das novidades da cuarta edición do Certame Mazarelos que convoca a Facultade de Filoloxía coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística da USC e que xa celebrou un primeiro encontro coa escritora Yolanda Castaño quen, xunto con Suso de Toro, exercen de mentores literarios a través de encontros abertos a todos os participantes das distintas edición e do público interesado na literatura.
Esta iniciativa é unha das novidades vinculadas á cuarta edición do Certame, cuxos premios se entregaron no curso dunha gala que tivo lugar en Filoloxía o pasado mes de decembro. Se a semana pasada Yolanda Castaño foi a encargada de dialogar sobre poesía na librería Chan da pólvora, esta semana en NUMAX terá a palabra Suso de Toro, nun debate cos gañadores e gañadoras do Certame literario Mazarelos guiado pola profesora e tradutora Marta Gómez Pato.
Dáse a circunstancia de que poucas horas despois de participar no obradoiro da librería Chan da pólvora (onde abordou, entre outras cuestións, a profesionalización dos escritores e das escritoras), Yolanda Castaño anunciaba a apertura da súa residencia literaria 1863.
Pola súa banda, Suso de Toro vén de presentar o libro Dentro da literatura, unha aproximación persoal á súa experiencia no eido da narrativa. Proximamente convocarase a quinta edición do Certame literario Mazarelos, cuxa principal novidade será a saída dun volume conmemorativo dos cinco anos do premio que dará a coñecer a produción literaria da mocidade universitaria.