miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Seprona e Policía Autonómica inspeccionan as augas do río ao seu paso pola mina de Touro

Seprona e Policía Autonómica inspeccionan as augas do río ao seu paso pola mina de Touro
Seprona e Policía Autonómica inspeccionan as augas do río ao seu paso pola mina de Touro

O Pucheiras non é o único afluente do Ulla afectado pola actividade de Cobre San Rafael, pois o rego Portapego, ó seu paso polo núcleo urbano de Fonte – Díaz, segue levando a mesma cor alaranxada pola hiperacidez coa que baixa da mina

A Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON vése na obriga de denunciar públicamente, unha vez máis, a persistencia da potencial contaminación en distintos puntos da contorna da mina de Touro, pese a que o alcalde recoñece que existe, así como a pasividade ó respecto dos poderes públicos competentes.

Onte ao mediodía, o rego Pucheiras, ó seu paso pola aldea de Arinteiro procedente da mina, ademáis da súa xa habitual cor esbrancuxada, discorría cun caudal máis abundante do normal, sobre todo tendo en conta que fai días que non chove. Así mesmo, as súas augas desprendían un forte cheiro. Por se eso non abondara, metros máis abaixo, á altura da igrexa parroquial de Loxo, o rego ía totalmente desbordado. Avisados os servicios de emerxencias por varios veciños, persoáronse no lugar axentes de Seprona e Policía Autonómica que, logo de tomar mostras das augas, dirixíronse á mina a proseguir coa investigación.

O Pucheiras non é o único afluente do Ulla afectado pola actividade de Cobre San Rafael, pois o rego Portapego, ó seu paso polo núcleo urbano de Fonte – Díaz, segue levando a mesma cor alaranxada pola hiperacidez coa que baixa da mina. Do mesmo xeito que a balsa de Bama segue aínda vertendo cara o río Brandelos, logo de múltiples denuncias sen que se tomasen medidas para evitalo.

Como vén sendo a tónica habitual, ten que ser a veciñanza quen dé a voz de alarma e quen actúe sobre estes feitos, mentras que o alcalde de Touro, Ignacio Codesido, leva 30 anos mirando cara outro lado e sendo cómplice dos presuntos delitos medioambientais nos que a promotora da mina de cobre incurre constantemente.

Nunha recente entrevista, que semella unha tomadura de pelo ás veciñas e veciños de Touro, Codesido non só demostra unha vez máis velar polos intereses da promotora da mina, promocionando as parcelas do polígono da súa propiedade, senón que parece dar por sentado que a Xunta vai aprobar o proxecto de explotación mineira. 

Tal como reflexan as súas palabras, a contaminación e a grave situación na que quedarían veciños de lugares como Arinteiro, con dúas enormes balsas de lodos con muros de contención de 3 kilómetros de perímetro a menos de 200 metros das súas casas, se a mina chegase a abrir, non lle quitan o sono, así como tampouco parecen preocuparlle os empregos que se poderían destruir no concello por incompatibles coa actividade mineira e pola perda de base territorial pola expropiación que tería que levarse a cabo, pois cómpre lembrar que a mitade dos terreos sobre os que está proxectada a explotación de cobre a ceo aberto non son da promotora, senón dos veciños e veciñas.

Tamén fala o rexedor municipal da autoridade do concello “para que a empresa cumpra os compromisos con Touro. Non se pode chegar, encher e marchar”. As últimas noticias coñecidas ó respecto son que non hai acordo firmado de ningún tipo no que Cobre San Rafael adquira algunha obriga co concello, polo que resulta complicado imaxinar que mecanismos vai empregar Codesido para esixirlle posibles responsabilidades á empresa chegado o momento. 

Así como tampouco se entende a súa insistencia en que “teñen que restaurar os danos que deixou a anterior explotación mineira”, cando sabe, ou debería saber, que o Proxecto Touro non contempla sequera actuacións sobre a balsa de Angumil ou sobre o rego Portapego. Cómo ten pensado esixir o cumprimento da lei se a día de hoxe, sendo coñecedor da situación, non o fai? É difícil saber se o alcalde non se entera do que pasa no seu municipio ou se fai o despistado. A súa maior preocupación parece, sen dúbida, revalidar a maioría absoluta nas vindeiras eleccións municipais de maio, para poder seguir outros catro anos facéndolle de escudo á minería destrutiva no concello.

Cando onte se fixo un ano da primeira mobilización contra o novo proxecto mineiro de Touro e O Pino, no que máis de 2500 persoas e medio cento de tractores saíron á rúa en Touro, nunha marcha sen precedentes na comarca de Arzúa, a situación pouco parece ter cambiado desde que en agosto de 2017 saíra publicado o proxecto no DOG. A día de hoxe, a Xunta de Galicia segue a poñer trabas no acceso á documentación do expediente, incumprindo as obrigas de transparencia e conculcando o dereito de acceso á información dos cidadáns que así o teñen recoñecido. E segue alongando os prazos de resolución do procedemento, pospoñendo a decisión sobre o futuro de Touro e O Pino presumiblemente de xeito electoralista.

Comentarios
Lo más