Conferencia sobre a visita dos Reis Católicos a Compostela en "Os Luns do Ateneo"
Esta visita será relatada no vindeiro Luns do Ateneo polo Catedrático de Historia Moderna da USC Pegerto Saavedra
En 1486 os Reis Católicos visitaron Galicia e Compostela coa finalidade de “mandar proveer e castigar las cosas del Bierzo e del Reyno de Galizia, e visitar las reliquias del Apóstol Santiago nuestro patrón” (García Oro), isto é, consolidar o cambio político do territorio así como manifestar a súa devoción polo Apóstolo. Como consecuencia desta viaxe, a Igrexa de Santiago viu confirmados todos os seus antigos privilexios, recibiu diversos agasallos e poucos anos despois foille concedido o voto de Granada, co que incrementou notablemente os seus ingresos, e a cidade acadou unha das marabillas de Galicia, o Hospital Real.
Esta visita será relatada no vindeiro Luns do Ateneo polo Catedrático de Historia Moderna da USC Pegerto Saavedra, na conferencia “Os Reis Católicos, a cidade de Compostela e Galicia”, que se levará a cabo a partir das 20.00 horas na sede de Afundación de Santiago (Rúa do Vilar, 19), ademais de na páxina web e nas redes sociais do Ateneo de Santiago.
Pegerto Saavedra é Académico Numerario da Real Academia Galega e membro do “Instituto Padre Feijoo de Estudios del Siglo XVIII” da Universidade de Oviedo e da Comisión de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega. A súa principal liña de investigación é a Galicia entre fins do século XV e mediados do XIX (poboación e familia, sistema agropecuario, industrias rurais, sociedade rural, vida cotiá, fidalguía pacega, economías monásticas).