Buscan a un home desaparecido dende o xoves en Chantada
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia tivo constancia da desaparición pouco antes das 21:00 horas da noite do venres, a través da Garda Civil
Os membros do Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) están colaborando desde a mañá de onte nun operativo de busca dun home cuxa última localización foi encadrada entre os concellos de Chantada e O Saviñao.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia tivo constancia da desaparición pouco antes das 21:00 horas da noite do venres, a través da Garda Civil. Os axentes solicitaban a incorporación de efectivos de emerxencia na operación de busca e, particularmente, da Unidade de Drons da Axega, que conta con equipamento tecnolóxico especializado para facilitar as labores de procura de persoas desaparecidas.
Deste xeito, o persoal do 112 Galicia - ademais do GALI - tamén puxo os feitos en coñecemento da Policía Local e dos voluntarios de Protección Civil de O Saviñao e de Chantada.
Ata o momento, os servizos de emerxencia permanecen na procura do home desaparecido, nun operativo que coordina a Garda Civil.