miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Agustín Hernández quere que se celebre un pleno extraordinario sobre "os contratos a dedo" de CA

Agustín Hernández quere que se celebre un pleno extraordinario sobre "os contratos a dedo" de CA
Agustín Hernández quere que se celebre un pleno extraordinario sobre "os contratos a dedo" de CA

Os Populares requiren información sobre o obxecto de ditos contratos, o seu prezo, o motivo da súa execución e da imparcialidade na mesma

O Grupo Municipal Popular presentou o venres a solicitude de convocatoria de Pleno extraordinario, no que se propón a constitución dunha comisión de estudo, de carácter especial, en relación á contratación menor de servizos realizada durante este mandato.

Os Populares requiren información sobre o obxecto de ditos contratos, o seu prezo, o motivo da súa execución e da "imparcialidade" na mesma. Para iso, propoñen unha análise prioritaria arredor de 60 contratos que se relacionan nun documento anexo ou outros que puideran estar vinculados por razón do adxudicatario.

O Grupo que dirixe Agustín Hernández propón que as sesións da comisión se celebren cada 15 días e estarían integradas por dous representantes de cada grupo político consonte a un sistema de voto ponderado. Así mesmo, para os efectos de proxectar luz sobre os elementos da contratación, a Comisión considera que se podería recadar a declaración dos funcionarios e empregados públicos municipais.

Ademais, para garantir a maior transparencia, os Populares consideran necesario que se asegure a retransmisión por streaming e a gravación audiovisual do Pleno Municipal.

O PP considera que "é pública e notoria a información global que identifica, entre outros, a familiares, cargos e activistas de primeira liña de CA ou das Mareas como beneficiarios, directos ou inmediatos por parentesco, de contratos adxudicados directamente polos integrantes do propio goberno local da antedita organización".

Por outra banda, e a maiores, tamén concorren" indicios de que familiares de persoas que integran a máis alta dirixencia de Compostela Aberta foron contratados por empresas ás que, previamente, se lle outorgou algún contrato público".

Cabe destacar que, á marxe da existencia de beneficiarios que nada teñen que ver con Compostela Aberta, hainos de determinados contratos -beneficiarios nuns casos directos e noutros inmediatos por parentesco- que non son persoas que simplemente manifestaran unha mera simpatía por CA; senón que se trata de integrantes das súas células políticas ou da súa clase dirixente, unha circunstancia, “compatible cun nepotismo contractual, que está a causar unha lóxica indignación e alarma social entre os cidadáns”.

Os contratos que teñen como beneficiarios directos ou inmediatos á clase dirixente de CA non constitúen feitos illados que, como tales, poderían resultar lóxicos no mercado local e non serían necesariamente indiciarios ou sintomáticos dunha desviación de poder, senón que o que reflicten é unha trama de vínculos que semella responder ao lema político da propia organización: “Tecendo rede”, e que igualmente semella responder ás propias recomendacións que Iñigo Errejón lle dirixiu aos sedicentes concellos “do cambio”, para fortalecer un entramado asociativo afín ante unha futura perda de poder nas institucións.

Xunto á vocación clientelar dos concellos da órbita de Podemos e aos vínculos subxectivos persoais, outros elementos dalgúns contratos, como o prezo ou o tipo de prestación, suscitan dúbidas. A ausencia, durante más de sete días, de explicacións do alcalde Martiño Noriega e dos concelleiros implicados no outorgamento de determinados contratos constitúe outro indicio que incrementa as sospeitas.

O Grupo Municipal Popular considera a importancia de acreditar que a causa de determinados contratos foi a necesidade dos mesmos, en todos os seus elementos, e non o vínculo que obxectivamente existe entre os responsables dalgunhas empresas e a clase dirixente de Compostela Aberta.

“Urxe acreditalo, en beneficio das propias empresas –que non teñen por que vivir nas tebras da discrecionalidade do goberno-, e urxe acreditalo en beneficio da credibilidade e da equidade do noso sistema institucional, sistema institucional que en materia de contratación debe ser respectuoso coa libre concorrencia de todas as empresas o co interese dos contribuíntes. E para iso cómpre constituír unha comisión de estudo ou de investigación que analice prioritariamente os contratos afectados por vínculos de parentesco ou de relación política inmediata coa clase dirixente de CA, sen menoscabo das posibilidades da comisión de analizar outros contratos menores”.

Comentarios
Lo más