miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Xoán Bascuas pide recuperar a Fundación Compostela Deporte

Xoán Bascuas pide recuperar a Fundación Compostela Deporte
Xoán Bascuas pide recuperar a Fundación Compostela Deporte

Esta institución podería aglutinar toda a xestión das actividades deportivas que a día de hoxe se encontran repartidas entre o Departamento de Deportes e diferentes Federacións

Xoán Bascuas, candidato de Compromiso por Galicia nas próximas eleccións locais, propón que se recupere a Fundación Compostela Deporte, unha ferramenta moi útil para o conxunto dos clubs da cidade, tanto par os afeccionados como os semiprofesionais. “Esta institución foi de grande utilidade na captación de fondos privados e públicos para o desenvolvemento da actividade deportiva do Concello”.

Esta institución podería aglutinar toda a xestión das actividades deportivas que a día de hoxe se encontran repartidas entre o Departamento de Deportes e diferentes Federacións, como así se concluíu nunha xuntanza entre os galeguistas e cos delegados de fútbol e fútbol sala da Real Federación Galega de Fútbol. 

Nesta reunión puídose coñecer de primeira man a problemática que hai no mundo do fútbol federado santiagués e púxose sobre a mesa a necesidade dun campo de fútbol base en San Lázaro, tal e como estaba previsto dende un principio, e ver como conciliar as infraestruturas futbolísticas coas novas da chamada Cidade da Raqueta “que, por certo, non contemplan pistas de tenis en terra batida, que non existen no Concello”.

O ente federativo tamén viu con moi bos ollos a proposta de Compromiso para recuperar os campos de fútbol do rural compostelán.

“Dende Compromiso cremos que este Concello precisa ter unha planificación deportiva e unha xestión dos recursos e dos espazos deportivos, algo que a día de hoxe brilla pola súa ausencia”, conclúen os galeguistas.

Comentarios
Lo más