Convocan unha praza de psicólogo e outra de educador familiar para Políticas Sociais
As persoas interesadas en concorrer a estas prazas teñen vinte días, dende o día seguinte á publicación, para presentar a documentación
O BOP do pasado 19 de febreiro publicou as bases da convocatoria de dúas prazas para o Departamento de Políticas Sociais, unha de psicólogo e outra de educador familiar. As persoas interesadas en concorrer a estas prazas teñen vinte días, dende o día seguinte á publicación, para presentar a documentación.
O sistema selectivo para ambos procedementos é o de concurso-oposición, cunha primeira fase de oposición e unha segunda de concurso. En ambas prazas haberá cinco exercicios escritos, de carácter eliminatorio. O primeiro exame consistirá nun tipo test de 120 preguntas sobre o contido da parte xeral do programa, que deberán resolver no tempo máximo de 120 minutos.
O segundo exame consistirá en desenvolver dez preguntas, vinculadas ao contido da parte específica. O terceiro exercicio será a resolución de dous supostos prácticos a elixir entre catro propostos polo Tribunal. O cuarto exercicio servirá para valorar as aptitudes en ferramentas como Word e Excel e o quinto será unha proba de lingua galega, agás para as persoas que acrediten o CELGA 4.
Outras prazas
Estas dúas prazas súmanse a outras oposicións en marcha durante o pasado ano tanto para persoal funcionario como laboral. Entre as prazas ofertadas están as de administrativos, policías locais, bombeiros, arquitecto e auxiliar de clínica. Ademais, durante este mandato sacáronse outras ofertas de emprego temporal, entre as que destacan as de delineantes, arquitectos, persoal administrativo, traballadores sociais, informáticos, axentes de emprego, arqueólogos, técnico de deportes e técnico de inspector fiscal.
Oferta de emprego 2018
No pasado mes de decembro, a Xunta de goberno aprobou a Oferta de Emprego 2018, que contempla 45 prazas. Delas, 10 son da convocatoria de promoción interna e 35 de quenda libre. Entre as novas prazas, destacan as do servizo de extinción de incendios ou a dotación, por vez primeira, dun fagotista para a Banda Municipal de Música.
Nas 35 prazas de quenda libre figuran doce postos de nova creación para persoal funcionario e dous para persoal laboral. Os primeiros son, en concreto, tres oficiais de extinción de incendios, dous bombeiros-condutores, un economista, un músico fagotista, un administrativo, un auxiliar administrativo, un uxier e dous policías locais (na quenda de mobilidade). Como persoal laboral convócanse as prazas de avogado de Servizos Sociais e ATS.
A oferta de prazas en quenda libre inclúe a estabilización de 18 postos que estaban cubertos de maneira interina. Destas, doce corresponden a persoal funcionario, en concreto un arquitecto, tres técnicos da administración xeral, un arquitecto técnico, dous saxofonistas, un administrativo, un condutor, un técnico/a intermedio de prevención de riscos laborais e dous uxieres. Tamén se contempla a estabilización de seis prazas de persoal laboral: un técnico de Educación e Mocidade, un xornalista, un porteiro-conserxe para instalacións deportivas, un palista, e dous condutores para o parque móbil. Ademais, a oferta incorpora tres prazas de persoal indefinido non fixo por sentenza, en concreto dous auxiliares administrativos e un arquitecto da Oficina de Rehabilitación da Cidade Histórica.
En canto ás prazas de promoción interna, son seis para persoal funcionario e catro para persoal laboral. As primeiras son cinco prazas de administrativos/as e unha de conserxe; e as de persoal laboral corresponden a tres administrativoss do servizo de recadación e un porteiro conserxe.
A oferta de emprego reserva tres prazas para persoas con diversidade funcional. Son unha praza de auxiliar administrativo e unha de uxier na oferta de quenda libre para persoal funcionario, e unha praza de administrativo na quenda de promoción interna para persoal funcionario.