Galicia estrea 2019 cun aumento da demanda turística que permite acadar mellor ocupación en 11 anos
O turismo internacional subiu un 6,2% en xaneiro e gaña peso especialmente en tempada baixa
Despois de rematar un 2018 afianzándose como un destino máis competitivo e de maior calidade, o turismo en Galicia estrea o ano 2019 reforzando o seu proceso de desestacionalización, cun maior equilibrio na chegada de viaxeiros durante todo o ano. Así, a demanda hoteleira medrou en xaneiro case dous puntos, acadando ademais o nivel de ocupación máis elevado dos últimos 11 anos.
Segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), a Comunidade consolida o seu atractivo fóra de tempada alta. A demanda turística medrou por riba da media española no primeiro mes ata superar as 300.000 noites. Son os mellores valores da década en xaneiro e dan continuidade aos crecementos rexistrados en novembro e decembro, reforzando deste xeito o bo comportamento da demanda en tempada baixa.
Os viaxeiros que chegaron a Galicia en xaneiro permaneceron máis tempo na Comunidade, pois a estadía media subiu un 1,7% mentres que no conxunto do Estado descendeu 1,4%. Ademais, foi o cuarto ano consecutivo no que melloraron os niveis de ocupación en Galicia,en concreto case un punto, colocando o dato no máis elevado desde o ano 2008.
Os propios galegos realizaron un 5,3% máis de pernoitas na súa Comunidade, ata aproximarse ás 124.000, a cifra máis elevada da década. Ademais, Galicia afiánzase como destino cada vez máis internacional, pois a demanda estranxeira mellorou un 6,2%. Foi o terceiro mes consecutivo no que mellora o turismo internacional, que tamén gaña peso, representando case o 20% da totalidade dos viaxeiros que chegaron en Galicia, un máximo histórico.
Maior rendibilidade
De xeito paralelo, as tarifas hoteleiras medraron en xaneiro un 2,3%, circunstancia que leva aos establecementos a mellorar os seus niveis de rendibilidade un 3% (medido a través do RevPAR, o ingreso medio por habitación dispoñible), a cifra máis elevada da década.
Os datos confirman que a liña de traballo seguida polo sector privado e a administración autonómica está a dar os seus froitos. A Estratexia do Turismo de Galicia 2020 impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo segue cumprindo obxectivos e avanzando en distintos eidos, configurando un destino máis competitivo e máis sustentable a todos os niveis.