Un calendario cheo de propostas celebrará a Antonio Fraguas o Día das Letras Galegas
O Museo do Pobo Galego, do que foi director e presidente, acolleu a presentación das iniciativas de distintas entidades arredor deste día que a Real Academia Galega lle dedica este ano ao etnógrafo
Museo do Pobo Galego, o gran proxecto ao que dedicou as últimas décadas da súa vida Antonio Fraguas (Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999), foi o espazo elixido para a presentación conxunta dunha morea de propostas variadas coas que distintas entidades lle renderán homenaxe ao intelectual co gallo do Día das Letras Galegas que este ano lle dedica a Real Academia Galega.
"O Ano Antonio Fraguas será unha boa oportunidade para reivindicar as raíces populares do idioma e da cultura popular que o etnógrafo tanto estudou e contribuíu a dignificar, seguindo o ronsel da Xeración Nós e do Seminario de Estudos Galegos ao que el mesmo pertenceu", salienta o presidente da RAG, e engade que este 2019 será ademais unha ocasión especial para “establecer pontes entre as novas xeracións, que viven no mundo globalizado e das tecnoloxías da comunicación, e as raíces dos avós, da memoria dunha cultura que non naceu onte”. “A nosa cultura ten unhas raíces profundas e nelas é onde está a forza do futuro”, conclúe.