Chan da Pólvora acolle unha homenaxe a Xela Arias
Co gallo da publicación que edita Xerais baixo a súa "Poesía reunida (1982-2004)", A Sega, que leva propondo hai tempo a figura da poeta para o Día das Letras Galegas
O próximo martes 26 de febreiro, ás 20:30, a Libraría Chan da Pólvora acollerá un deses acontecementos no que ten a fortuna inmensa de participar: a Plataforma de Crítica Literaria A Sega brinda homenaxe a Xela Arias, poeta independente de seu e agasallo para todas.
Unha voz que, dende os anos oitenta ate a súa prematura partida, logrou enfiar unha obra tan só comparábel consigo mesma e comprometida co mundo que camiñaba. Que camiñaba Xela. Xela muller.
Co gallo da publicación que edita Xerais baixo a súa "Poesía reunida (1982-2004)", A Sega, que leva propondo hai tempo a figura da poeta para o Día das Letras Galegas, contaranos da súa vida e lerannos da súa obra. Estarán con nós Andrea Barreira Freije, Ánxela Lema París, Arancha Nogueira, Lara Rozados e Nuria Vil.