miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Afundación inicia un novo programa interxeracional: "Falamos da escola"

Afundación inicia un novo programa interxeracional: "Falamos da escola"
Afundación inicia un novo programa interxeracional: "Falamos da escola"

O proxecto propicia a celebración de encontros entre maiores e mocidade para compartir as súas experiencias sobre os cambios na escolarización e os centros de ensino

Afundación, a Obra Social de ABANCA, pon en marcha un novo programa interxeracional denominado "Falamos da escola", no que maiores voluntarios e alumnas e alumnos de centros escolares de toda Galicia dialogarán sobre as vivencias ao longo da etapa escolar.

A iniciativa enmárcase na liña estratéxica "O valor da experiencia", da Área de Envellecemento Activo de Afundación, que ten como obxectivo ampliar as oportunidades de participación e de contribución social das persoas maiores, aproveitando o seu talento e a súa experiencia vital e profesional, a través de programas interxeracionais e de voluntariado, que beneficien outros grupos da sociedade.

A presentación deste programa, que tivo un desenvolvemento piloto previo no IES Francisco Aguiar de Betanzos, tivo lugar este xoves no IES Monte das Moas (A Coruña) ás 12:00 horas. A este acto acudiron o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet Álvarez; Delfina Ruibal Baamonde, profesora do IES Francisco Aguiar de Betanzos, centro impulsor do proxecto piloto do programa; e Ana Romero Masiá, directora do IES Monte das Moas da Coruña.

Ademais, estiveron tamén presentes Rosa Pereira, M.ª Carmen Vizcaíno, Joaquín Loncan, Teresa Castañón, Pilar Fraga, Francisco Presas, Emilio Santiago e Pilar Fernández, socias e socios voluntarios do Espazo +60 Afundación A Coruña e esta última, antiga directora da EI Zalaeta Afundación. Tras esta presentación inicial, o encontro trasladouse á aula onde estudantes de 4.º de ESO responderon ás consultas dos medios no marco da dinámica do seu encontro coas persoas voluntarias.

Este novo programa, "Falamos da escola", desenvolverase en centros escolares situados en localidades, ou nas súas proximidades, onde Afundación ten un Espazo +60 —as sete principais cidades galegas e noutras catro poboacións (Viveiro, Betanzos, Pontedeume e Monforte)—, coa participación de estudantes de eso e bacharelato.

O IES Monte das Moas da Coruña, o IES Frei Martín Sarmiento e IES Xunqueira I de Pontevedra, IES Saturnino Montoxo de Ferrol, IES Illa de Sarón de Xove, IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, Colexio Padre Feijoo Zorelle de Ourense, IES Francisco Aguiar de Betanzos e o Colexio Padres Escolapios de Monforte de Lemos son os seguintes centros nos que se desenvolverá "Falamos da escola".

De todos modos, o programa está aberto a todos aqueles institutos que queiran participar no proxecto, coa incorporación continuada de novos voluntarios e voluntarias que desexen intercambiar con estudantes de hoxe en día as súas experiencias nas escolas de antano.

«Falamos da escola» articúlase a través de dous encontros interxeracionais, aos que precede unha fase de preparación por parte do alumnado e das persoas maiores. Os primeiros, a partir dunha guía didáctica e material de apoio documental achegados por Afundación, traballan sobre o contexto social e histórico da escola, mentres que os segundos constrúen o relato das súas propias experiencias nos centros educativos e preparan as sesións nos centros escolares. 

No primeiro encontro, os maiores contan as súas experiencias e dialogan cos estudantes. No segundo encontro, tras investigar sobre o tema nas súas propias familias e abordar a evolución do ensino con perspectiva histórica, procederase a unha posta en común de ideas para iniciar un debate sobre a finalidade da educación regrada e dos centros educativos.

Comentarios
Lo más