Abre a inscrición para participar no espectáculo para bebés “Arre Ru” de Rilo & Penadique
O aforo para asistir a esta actividade é limitado, polo que será necesario inscribirse antes do día 28 de febreiro
Vero Rilo e Sonsoles Penadique chegan á Casa da Cultura de Bertamiráns o vindeiro venres, 1 de marzo, co seu espectáculo Arre Ru. A función, destinada a familias con bebés de 0 a 3 anos, mestura narración oral e música nun espectáculo con grandes doses de asombro, repetición e delicadeza.
O aforo para asistir a esta actividade é limitado, polo que será necesario inscribirse antes do día 28 de febreiro.
Arre Ru nace como unha narración oral que busca conducir aos máis pequeniños/as da casa a través do amplo universo que forman as palabras, cheas de musicalidade e cargadas de sentimento e significado.
Acompañadas por un acordeón diatónico, Rilo & Penadique apoiaranse en factores como a modulación da voz, a xesticulación ou a mirada para que as cativas e cativos entren de cheo nas súas historias. Sempre dende a visión de que a linguaxe en singular non existe, posto que o primeiro mergullo realízase coa familia, en comunidade. Así, Arre Ru é unha palabra que vive na boca. Non quere dicir nada, pero o A abre o asombro, o RRE a repetición, e o RU a delicadeza.
Rilo & Penadique é unha compañía de creación recente que une os talentos de Vero Rilo, cunha dilatada traxectoria como contacontos e educadora, e Sonsoles Penadique, educadora musical con ampla experiencia no ensino en centros de primaria, secundaria e conservatorios.
Para asistir a este espectáculo, que terá lugar o 1 de febreiro a partir das 18.00h, é necesario enviar un correo de inscrición antes do 28 de febreiro ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que apareza o nome, apelidos e idade dos participantes, ademais dun teléfono de contacto.