O Servizo de Deporte organiza o reto "24 horas nadando pola igualdade de xénero no deporte"
Celebrarase o 6 de marzo e está aberto á participación de maiores de 6 anos
O Servizo de Deportes organizará o vindeiro 6 de marzo unha xornada co reto de realizar ’24 horas nadando pola Igualdade de Xénero no deporte’. Esta é unha iniciativa que carece de carácter competitivo e cuxa finalidade é erixirse simbolicamente contra a discriminación de xénero, de xeito particular, no deporte.
A actividade está dirixida a persoas maiores de 6 anos que deberán acudir á piscina da USC provistos de bañador, gorro e ‘chanclas’ en calquera horario do evento. Ademais será necesario asinar o manifesto pola igualdade e a participación da muller no Deporte presentado polo Consello Superior de Deportes e dispoñible nas propias instalacións universitarias.
Quen decida unirse e nadar, poderá facelo de forma individual ou colectiva, asistindo a clase quen sexa usuario da Escola de Natación da USC ou acudindo como público.
Como referencia está previsto que cada persoa realice un tramo de 10 minutos de duración. As cen primeiras persoas que formalicen a súa inscrición recibirán unha camiseta conmemorativa do evento.