A Cidade da Cultura acolle un Entroido rockeiro o vindeiro 4 de marzo
O rock en galego da banda infantil A Gramola Gominola convertirá o Museo Centro Gaiás nunha vibrante pista de baile a tarde do luns 4 de marzo
A Cidade da Cultura de Galicia convida aos amantes do entroido a disfrazarse de roqueiras e roqueiros e gozar dun baile especial coa música en directo da banda infantil A Gramola Gominola, unha festa para toda a familia que terá lugar o luns 4 de marzo ás 17.30 horas no Museo Centro Gaiás.
A estética do rock’n’roll, coas súas cazadoras de coiro, pantalóns axustados, chatolas ou topetes, convértese desta volta no tema do baile que a Cidade da Cultura organiza polo entroido desde fai catro anos e que, en edicións anteriores, se ten dedicado ás xentes do mar, á cultura chinesa ou aos diferentes xeitos de celebrar estas festas ao longo do mundo.
ROCK EN GALEGO
A música correrá a cargo da Gramola Gominola, banda infantil integrado por Paula Romero (voz), Ro Muñoz (batería), Anxelo de Xermar (baixo) e Paco Cerdeira (guitarra e voz). As guitarras, baixo e batería deste grupo farán gozar do rock en galego a toda a cativada que se achegue ao Museo Centro Gaiás.
“Somos un grupo de música infantil, en galego, pensado para as máis pequenas e pequenos da casa. Pero non un grupo máis, non o de sempre, somo unha banda de rock”, preséntanse os membros desta banda, convencidos de que non hai idades nin barreira para gozar da música.
O Baile de Entroido do Gaiás forma parte da programación dirixida a público familiar que organiza ao longo de todo o ano a Cidade da Cultura, con citas xa ben coñecidas como Nadal no Gaiás, Cidade Imaxinaria –na edición de primavera e verán- ou as acampadas no Bosque de Galicia, entre outras moitas actividades.