París de Noia e Panorama: as protagonistas da Festa da Xuventude de Ribeira
A orquestra París de Noia será o prato forte da Festa da Xuventude que o Concello está organizando para o sábado 13 de abril, e que incluirá tamén outras propostas de cultura urbana, deportiva e musical
Dúas das orquestras máis prestixiosas de Galicia actuarán en 2019 na cidade de Ribeira: París de Noia e Panorama. Así o anunciou ovenres o alcalde Manuel Ruiz, quen recordou o compromiso do goberno municipal co sector hostaleiro para que, como mínimo, puidese recuperar ao longo do ano aquilo que puideran perder a raíz de que o luns de Entroido deixase de ser festivo local.
Así, a orquestra París de Noia será o prato forte da Festa da Xuventude que o Concello está organizando para o sábado 13 de abril, e que incluirá tamén outras propostas de cultura urbana, deportiva e musical. O espectáculo do elenco terá lugar no paseo do Malecón agora que a remodelación do casco urbano (ampliando o espazo peonil) permite traer actuacións desta envergadura.
E tamén o Malecón será escenario da actuación da orquestra Panorama, que xa está contratada para o mércores 11 de setembro, véspera do día de Santa Uxía, patroa da cidade e festivo local.
DINAMIZACIÓN DA HOSTALERÍA
Ruiz Rivas resaltou a intención de seguir contribuíndo á dinamización hostaleira con todo tipo de actividades, tanto de ocio nocturno como diurno, como xa sucederá de feito durante este Entroido que estenderá a súa programación ata a seguinte fin de semana e que será obxecto moi pronto dunha nova presentación.