Celebración do aniversario do nacemento de Rosalía de Castro na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
O espectáculo Tecín soia a miña tea terá lugar hoxe ás 19:30 horas no salón de actos
A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal súmase ás celebracións con motivo do 182o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro e acolle o espectáculo "Tecín soia a miña tea" que se realizará hoxe venres 22 de febreiro ás 19.30h no salón de actos e estará a cargo de Lisístrata. A actividade consiste nunha dramatización dos poemas de Rosalía amosando unha muller actual, como os temas que ela trata, tan vixentes hoxe en día. A relación cos homes, a defensa da muller, da súa terra... O desexo e ansias súas polo teatro "eu quería ser actriz e non me deixaron". Unha Rosalía, ás veces divertida, outras reivindicativa, dura. Unha muller interpretando a outra muller. Poemas, teatro e algunha canción para honrar a nai da nosa terra. Entrada libre ata completar a capacidade da sala.
Ademais, para os máis pequenos o sábado 23 de febreiro ás 12.00h no salón de actos teremos o contacontos "A meniña gaiteira". Estará a cargo de Servando Barreiro e trátase dun espectáculo que xira arredor da vida e obra de Rosalía de Castro, no que se recrea o seu primeiro poemario en galego, "Cantares gallegos", de inspiración popular, con música e recitacións baseadas na experiencia de Servando Barreiro como músico e cantor tradicional. Para nenos e nenas a partir de 3 anos. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.