O alcalde socialista e as mareas de Ames pasan páxina en canto á “remunicipalización” de servizos públicos e pola contra asina prórrogas e incrementa os prezos
Do resultado dos estudos para “rescatar” a xestión pública do Ciclo Integral da auga non se volveu a ter noticias
Ao principio do mandato, no ano 2015, firmouse un acordo para municipalizar servizos, en marzo de 2017, o tripartito de Ames e as mareas “Ames Novo” , difundiron un acordo alcanzado para a elaboración e aprobación dos orzamentos municipais. En dito acordo recollíase unha cantidade destinada aos estudos económicos imprescindibles para por en marcha o rescate da xestión municipal do ciclo integral de augas.
Lembramos, que para a formación de extrema esquerda, Ames Novo, o rescate dos servizos públicos é, ou alomenos era, unha prioridade, independentemente do tipo de xestión máis apropiado para o servizo concreto, e da sostenibilidade financeira do mesmo. Unha visión compartida por boa parte do Goberno local, como ben quedou acreditado en diversas manifestacións. Así, a Concelleira de Podemos, que ostenta a delegación de Economía e Facenda, primeira tenente de alcade, e pata “populista” da cadeira na que se senta o Alcalde José Miñones, apostaba polo rescate dos servizos.
Pasado un ano, en marzo de 2018, o tripartito e “Ames Novo” voltaron coa mesma “cantinela”. Nesta ocasión a noticia, con foto incluída do Alcalde Miñones, recollía o novo acordo entre eles. Un acordo similar ao do pasado ano, cuxo principal obxectivo, segundo a información recollida na web municipal, e amplamente difundida polos medios de comunicación, era dar continuidade ás liñas inspiradoras do orzamento anterior. Na noticia, recollíase de novo, ao igual que se fixera 12 meses atrás, a dotación de medios dos estudos precisos para o proceso de remunicipalización do ciclo integral da auga.
Pero a historia segue. Este pasado 15 de marzo de 2019, voltamos a ter noticia do acordo entre o tripartito e “Ames Novo” para aprobación do orzamento municipal. A pesares de que se afirma que “continuarán cos grandes eixos que marcaron nos orzamentos anteriores”, agora non se recolle ningunha mención expresa á recuperación dos servizos públicos, como tampouco á remunicipalización do ciclo integral da auga.
A realidade é que, ata a data actual, o tripartito de Ames co seu “fel escudeiro” de “Ames Novo”, non recuperaron ningún servizo público.
Chama a atención como un dos que se podería ter recuperado é a xestión do centro deportivo “A Telleira”; pero o tripartito, pola contra, optou en marzo de 2018 por levar a cabo unha terceira prórroga, nada máis e nada menos que por cinco anos, á vez que autorizaba un incremento das tarifas dun 2,6% que repercutiu directamente nos usuarios.
A conclusión é clara, o goberno cuatripartito non só non rescatou nin un só servizo municipal, si non que continua privatizando e subindo os prezos.
Por todo isto, o Grupo Municipal Popular solicitou ao Goberno local información concisa sobre o programa municipal de rescate de servizos públicos e sobre o estado no que se atopan os estudos para por en marcha o rescate da xestión municipal do Ciclo Integral de auga, prestando especial atención aos estados económicos e ás conclusións de ditos estudos.