Desaloxan dúas vivendas tras producirse un incendio nun edificio da Estrada
Ningunha das persoas resultou ferida e, agás os veciños da vivenda afectada, as persoas desaloxadas puideron volver ás súas casas, tras quedar o lume sufocado
Os veciños do ático e do terceiro andar dun edificio de catro plantas foron desaloxados, por precaución, ao producirse un incendio nunha das vivendas do inmoble, situado na Rúa Trinta e Cinco, na localidade pontevedresa da Estrada. Por fortuna, ningunha das persoas resultou ferida e, agás os veciños da vivenda afectada, as persoas desaloxadas puideron volver ás súas casas, tras quedar o lume sufocado.
O 112 Galicia tivo constancia do lume, grazas a un particular que chamou, sobre as 20:15 horas da tarde pasada, para pedir axuda. A partir desa chamada de alerta, varios veciños comunicaban ao persoal do 112 que o edificio estaba cheo de fume.
Ata o lugar, acudiron de inmediato, os Bombeiros do Deza e os membros do GES da Estrada, tras ser alertados polo 112 Galicia. Do mesmo xeito, informouse á Garda Civil, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil da localidade. Aínda que o primeiro alertante aseguraba que non había persoas afectadas, tamén se informou do acontecido ao 061-Urxencias Sanitarias, por si nalgún momento fose precisa a súa intervención.
Finalmente, tras extinguir o lume, os membros do Servizo de Emerxencias da Estrada indicaron ao 112 Galicia que ardera case toda a cociña e o fume afectara a toda a vivenda.