Bugallo comprométese a poñer en marcha as medidas necesarias para que Santiago retome o seu liderado en turismo
E faino fronte a representantes de hostalería, axencias de viaxe e hoteis
O candidato Xosé A. Sánchez Bugallo trasladou onte á tarde a representantes de hostalería, hoteis a axencias de viaxe da cidade as súas principais propostas para o sector do turismo. Para Bugallo, Santiago, un dos principais destinos culturais de España e de Europa e un referente mundial polo Camiño de Santiago, e cidade merecedora dos máis importantes recoñecementos internacionais pola súa planificación urbana e a conservación da súa cidade histórica e do sector turístico, asistiu nestes últimos anos a unha progresiva perda do seu protagonismo e liderado en foros nacionais e internacionais. Fronte a esta ausencia de propostas relevantes, fronte a perda de discurso propio, fronte unha imaxe da cidade diluida e fronte a perda de rendabilidade dentros dos destinos turísticos españois e unha baixa ocupación hoteleira, o candidato comprométese a poñer en marcha e desenvolver unha serie de medidas e actuacións dirixidas a recuperar o protagonismo de Santiago.
Nunha reunión con representantes de hostalería, axencias de viaxe e hoteis da cidade, o candidato socialista, Xosé A. Sánchez Bugallo, que acudiu a esta xuntanza co número tres da lista, Sindo Guinarte, e co concelleiro Gonzalo Muíños, realizou unha diagnose da situación na que se atopa o sector do turismo na actualidade, abordou a súa evolución ao longo dos anos e trasladou algunhas das súas principais propostas para que Santiago recupere o peso e o liderado que mantivo ata hai uns anos. A este respecto, Bugallo denunciou unha progresiva perda de protagonismo en foros nacionais e internacionais, asegurando que nestes anos non se ten presentado proposta ninguna de relevancia vencellada con este sector e mesmo ten perdido o discurso propio, cunha cidade cunha imaxe diluida como destino urbano, cultural, gastronómico e de congresos.
Consecuencia do anterior, como destacou o candidato, é a continuada perda de rendabilidade dentro dos destinos turísticos españois e unha baixa ocupación hoteleira. No primeiro dos casos, Santiago tivo uns ingresos por habitación de 34,3 euros fronte os 60,1 da media estatal, mentres que no que se refire á ocupación, a cidade rexistra unha media do 52,3%, fronte ao 69,5% dos resto de cidades similares a Santiago do conxunto de España.
A partir de aí, a candidatura de Bugallo, como trasladou aos asistentes á reunión celebrada esta tarde na sede da Asociación de Hostelería Compostela, propón unha serie de iniciativas e propostas co obxectivo claro de recuperar o peso de Santiago e de acadar un crecemento sostible do turismo e a súa integración axeitada do fenómeno turístico dentro da vida urbana.
Estes obxectivos pasan tamén por reforzar a marca turística de Santiago de Compostela, incrementar a rendabilidade económica e social deste sector, e desestacionalizar e diversificar a oferta a través do turismo cultural, gastronómico e de reunións e congresos.
En canto ás actuacións concretas, Sánchez Bugallo enumerou algunhas das medidas que, se recibe o apoio cidadán para gobernar, impulsará dende a Alcaldía. En primeiro lugar, apostou por impulsar o papel institucional do turismo no Concello, creando unha Dirección Xeral de Turismo de carácter municipal, dependente directamente da Alcaldía, así como por reformular Incolsa, coa colaboración dos axentes sociais, para que cumpra axeitadamente a misión que lle corresponde. Definir políticas turísticas de cidade, recuperando o espírito de consenso e implicando aos diferentes axentes que participan no turismo da cidade, ou a implicación da cidadanía no modelo de desenvolvemento turístico de Santiago, promovendo un Pacto Local para o Desenvolvemento Turístico Sostible, así como a creación dun Observatorio de Turismo Sostible, son outras das propostas comprometidas por Xosé A. Sánchez Bugallo.
Tamén apostou pola recuperación do protagonismo en políticas urbanas e turísticas de Santiago, pola elaboración dun Plan Director do Ano Santo 2021, por reforzar o papel de Santiago Convention Bureau, e por impulsar unha programación específica para residentes e turistas, así como por dar pulo a determinadas especialidades turísticas, como a gastronómica.
Ademais, Bugallo comprometeuse a elaborar un Rexistro de Vivendas turísticas e a regulalas mediante un plan de ordenación e control das vivendas turísticas.