Remite o temporal na costa de Coruña
Na costa coruñesa, esta noite rexistráronse ondas de 6,27 metros en Punta Langosteira e de 6,33 en Cabo Vilano
O temporal costeiro que afecta á provincia da Coruña desde a pasada noite está a remitir, aínda que deixou ondas de gran altura como a que superou os 11 metros en Estaca de Bares.
O litoral das provincias da Coruña e Pontevedra permanece en alerta laranxa por ondas de entre 5 e 6 metros desde a pasada medianoite ata as tres desta tarde, cando se converterá en amarela ata mañá ao mediodía.
Na costa coruñesa, esta noite rexistráronse ondas de 6,27 metros en Punta Langosteira e de 6,33 en Cabo Vilano, aínda que a altura de onda máis elevada mediuse en Estaca de Bares, con 11,41 metros.
Pasado este mediodía, en Langosteira e Vilano as ondas mantivéronse na contorna dos cinco metros e en Estaca de Bares pasaron dos oito metros.
Tamén na provincia de Pontevedra a ondada roldou os cinco metros de altura.
Os refachos de vento baixaron ademais de intensidade, e dos case 80 quilómetros por hora que se chegaron a medir na provincia coruñesa durante a noite, esta mañá non pasaron de 38, mentres que na provincia pontevedresa as marcas máis intensas rexistráronse en Oia, con case 45 quilómetros por hora.