miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O Plan Único da Deputación inviste máis de 400.000 euros na mellora de estradas e alumeado público en O Pino

O Plan Único da Deputación inviste máis de 400.000 euros na mellora de estradas e alumeado público en O Pino
Foto de archivo
O Plan Único da Deputación inviste máis de 400.000 euros na mellora de estradas e alumeado público en O Pino

As obras inclúen a construción dunha senda peonil no acceso ao cemiterio de A Arca e a mellora do alumeado público no lugar de Burgo

O Plan Único (POS+2018) da Deputación da Coruña investirá 400.935 euros na pavimentación e mellora de distintas estradas e camiños municipais de O Pino, a construción dunha senda peonil no acceso ao cemiterio de A Arca, e a renovación do alumeado público no lugar de Burgo.

As obras, que veñen de saír a licitación pública na Plataforma de Contratación do Estado, suporán importantes melloras en infraestruturas locais, entre elas a construción dunha senda de 973 metros de lonxitude e 2 metros de ancho que contribuirá a mellorar a seguridade peonil no entorno do cemiterio de A Arca.

Tamén se levará a cabo a renovación da rede de alumeado público no lugar de Burgo (Arca) substituíndo 17 cadros eléctricos e 134 puntos de luz nos núcleos de como Santa Irene, Castro, Brea, Salceda, Quintás, Xesta, Ponte e Rourís, onde se substituirán as antigas lámpadas de vapor de sodio por novas luminarias con tecnoloxía LED, con menor consumo eléctrico e mellor calidade lumínica.

Entre os proxectos que saen a licitación figuran tamén numerosas obras de pavimentación e mellora de estradas, camiños, e viais de titularidade municipal, entre elas a estrada de Marquiño ao límite do concello por Medín, a estrada de Rabal de Arriba a Rabal de Abaixo, a estrada de Barcia á N-634, a estrada da Xesta a Frechazo Útimo (San Mamede), a que vai de Suso ao lugar da Igrexa (San Breixo), e a pavimentación de diversos viais en Pumar (Gonzar).

Aumentar as redes de abastecemento de augas, dotar de saneamento a núcleos rurais que carecen del, crear beirarrúas en estradas transitadas por peóns ou pavimentar camiños en mal estado son algunhas das 1.146 obras que financia o Plan Único e que teñen como obxectivo mellorar os servizos básicos nos concellos rurais da provincia.

1.146 obras para mellorar as infraestruturas locais

Dende a súa creación en 2017, o Plan Único permite aos concellos unha flexibilidade total á hora de investir os fondos que lles asigna a Deputación. “En lugar de propoñer unhas axudas específicas, a Deputación permite aos concellos escoller as súas prioridades”, explicou González Formoso, que sinalou que a institución “xoga un papel fundamental para axudar aos concellos a ofrecer máis e mellores servizos públicos fundamentais, financiando obras que moitas veces os municipios rurais non poderían acometer por si mesmos”.

Neste sentido, o Plan Único permite paliar a carencia de axudas específicas para servizos que os concellos están obrigados a subministrar, coma as redes de sumidoiros ou o acceso aos núcleos de poboación, permitíndolles aos municipios destinar os fondos que estimen necesarios a estas actuacións.

Comentarios
Lo más