A Xunta cuestiona a estratexia de Noriega para recuperar as figuras de Abraham e Isaac
O responsable de Cultura da Xunta asegurou que o seu departamento axudou no que puido, chegando a abrir un expediente para declarar as estatuas Ben de Interese Cultural (BIC)
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, puxo en dúbida a folla de ruta seguida polo goberno local de Santiago de Compostela para tratar de recuperar as estatuas de Isaac e Abraham, e lembra que nun proceso dese tipo “as decisións deben ser moi sólidas desde o punto de vista xurídico”.
Nunha entrevista na Cadena Ser, e á vista da sentenza xudicial que outorga a propiedade á familia Franco, Rodríguez dubida dos pasos dados polo goberno de Martiño Noriega. “Quizais non se nos deu toda a información ou as formulacións do Concello non foron os suficientes”, afirmou o conselleiro, quen lamentou ese fallo cando, dixo, “daba a sensación” de que o lexítimo propietario de ambas as pezas era o consistorio. “Non o digo eu, senón que o di a xuíza que a formulación non era o ideal”, precisou.
O responsable de Cultura da Xunta aseguróa que o seu departamento axudou no que puido, chegando a abrir un expediente para declarar as estatuas Ben de Interese Cultural (BIC).
Román Rodríguez sostén que ese fallo xudicial non pode condicionar a demanda sobre a recuperación do Pazo de Meirás para o patrimonio público, e argumentou que se trata de vías xudiciais diferentes.
“O Parlamento de Galicia manifestouse unanimemente para activar unha liña xurídica”, afirmou. “No ámbito do Pazo de Meirás fixéronse ben as cousas coa unanimidade parlamentaria, cunha comisión técnica cun alto nivel de cualificación, cun ditame que foi remitido ao Ministerio, e agora é o Goberno central o que ten que mover peza”, dixo.
Trátase de que o pazo pase ao patrimonio público “sen que teñamos que pagar por el dúas veces; Galicia non está para transferir diñeiro á familia Franco”, dixo, e confía en que novo Goberno que salga das urnas sitúe como unha prioridade a recuperación do pazo.
A ese novo Executivo pídelle tamén compromiso co Xacobeo 2021, responsabilidade do seu departamento. Segundo as súas palabras ese evento, “é unha gran oportunidade para mostrar Galicia”.
Para Román Rodríguez, as citas electorais non deben influír nos apoios a esa celebración. “O Xacobeo debe estar por encima dos avatares políticos concretos”, e é por iso polo que compromete unha dedicación intensa a pesar de que non se sabe que goberno estará na Xunta en 2021, un ano despois das próximas autonómicas.
Sobre o futuro do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóoo, o titular de Cultura e Turismo Román Rodríguez súmase ao carrusel de dirixentes 'populares' que xa se manifestaron a favor de que repita como candidato ao Goberno galego en 2020