miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

“A saúde é o que importa" busca difundir o valor terapéutico das augas mineromedicinais

“A saúde é o que importa" busca difundir o valor terapéutico das augas mineromedicinais
“A saúde é o que importa" busca difundir o valor terapéutico das augas mineromedicinais

A primeira sesión terá lugar a vindeira semana, o xoves 21 de febreiro

Baixo o título “A saúde é o que importa”, a Cátedra de Hidroloxía Médica Universidade de Santiago-Balnearios de Galicia promove un ciclo destinado a difundir entre a sociedade o valor terapéutico das augas mineromedicinais. Esta iniciativa conta coa colaboración da Fundación Araguaney.

A primeira sesión terá lugar a vindeira semana, o xoves 21 de febreiro. Celebrarase en Santiago, no salón Olivo do Hotel Araguaney, a partir das 19:30 horas, con entrada libre ata completar aforo. Comezará cunha mesa redonda na que se abordarán os beneficios da balneoterapia nas patoloxías vencelladas ao aparato locomotor, que son precisamente unha das patoloxías para as que están especialmente indicadas as augas mineromedicinais.

Como moderador desta mesa redonda actuará o director da Cátedra, o doutor Juan Gestal. Nela intervirán os doutores José Ramón Caeiro Rey, xefe do Servizo de Traumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS); Antonio Mera Varela, xefe do Servizo de Reumatoloxía do CHUS; e Jesús Figueroa Rodríguez, xefe do Servizo de Rehabilitación do CHUS. Estes expertos manterán ademais un coloquio sobre este tema co público asistente.

No transcurso desta xornada proxectarase o documental “A balneoterapia na patoloxía músculo-esquelética”, realizado no marco da Cátedra de Hidroloxía Médica co propósito de divulgar os beneficios dos tratamentos termais de xeito didáctico. Este vídeo estreouse na derradeira edición da Feira Termatalia, que se celebrou o pasado mes de setembro en Brasil, e agora preséntase por primeira vez na nosa comunidade.

O doutor Gestal sinala que “o obxectivo principal deste ciclo é dar a coñecer entre o conxunto da poboación as indicacións médicas que a balneoterapia ten na actualidade, coa participación de especialistas sanitarios de recoñecido prestixio”. E salienta que esta actividade vén a complementar ao Vademécum de augas mineromedicinais de Galicia, que se distribuíu entre os médicos de Atención Primaria e que reúne as indicacións terapéuticas das diferentes aguas dos balnearios galegos.

“Hoxe en día estase a volver de novo ao uso da balneoterapia como tratamento exclusivo ou coadxuvante doutros tratamentos médicos. Isto débese en boa medida ao envellecemento da poboación, que fai que as doenzas crónicas sexan cada vez máis frecuentes”, manifesta o doutor Gestal.

Comentarios
Lo más