Lousame convoca o concurso de fotografía do Día da Muller Traballadora, dedicado á corresponsabilidade no fogar
Desenvólvese dende hoxe no Facebook do Concello, premiará á imaxe con máis “Me Gusta” dun home/mozo de Lousame desenvolvendo tarefas do fogar e fará un sorteo entre os internautas que voten
O Concello de Lousame convoca o concurso de fotografía “Nós compartimos... e ti?” co gallo da conmemoración do Día da Muller Traballadora e que este ano estará dedicado á corresponsabilidade no fogar. Un concurso que se desenvolverá na páxina do Concello de Lousame en Facebook ata as 15:00 horas do vindeiro 4 de marzo e que está aberto á participación de toda a cidadanía e cunha única condición imprescindible: a imaxe deberá recoller a home/homes e/ou mozos/as de Lousame realizando tarefas domésticas, participando no coidado de menores e/ou maiores da súa familia e/ou compartindo estas tarefas con mulleres.
A concelleira da Muller, Silvia Agrafojo, explica que “debido á gran aceptación que tivo o concurso o ano pasado para poñer en valor a participación da muller no mundo laboral, nesta ocasión optamos por outra temática como é a corresponsabilidade familiar, o reparto equitativo das tarefas domésticas e o coidado dos menores e maiores entre os membros da familia”. Na pasada edición do concurso participaron 35 fotografías, que recibiron un total de 2.789 votos de 1.418 internautas diferentes.
PREMIOS
O Concello de Lousame premiará ao autor da imaxe gañadora cunha tarxeta regalo “3 días en rincóns únicos”, que inclúe unha estancia de 2 noites con almorzos para dúas persoas. Así mesmo, sorteará unha segunda tarxeta regalo “Escapada con encanto”, que inclúe unha estancia dunha noite con almorzo para 2 persoas, entre todas as persoas que voten pola súa imaxe favorita no Facebook. Cada persoa poderá votar cantas imaxes queira, se ben o seu nome só entrará unha vez no sorteo.
As fotografías deberán presentarse en formato dixital e deberán ter unha resolución mínima que permita, cando menos, a súa reprodución sen pixelar nunha pantalla de ordenador. Ademais, aquelas fotos nas que apareza unha persoa identificable deberán contar co consentimento da persoa retratada, admitíndose a posibilidade de que aquelas persoas que o desexen poidan pixelar as caras dos nenos que aparezan na fotografía.
O Concello de Lousame utilizará todas as imaxes recollidas para conmemorar o 8 de marzo o Día da Muller Traballadora, organizando con elas unha exposición que poderá visitarse ese venres 8 de marzo na Casa da Cultura.