miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Os populares denuncian un novo “pinchazo” na implantación da Administración electrónica no Concello de Ames

Os populares denuncian un novo “pinchazo” na implantación da Administración electrónica no Concello de Ames
Foto de arquivo
Os populares denuncian un novo “pinchazo” na implantación da Administración electrónica no Concello de Ames

O tripartito vese na obriga de licitar por terceira vez o contrato de deseño e implantación da Administración electrónica en Ames, unha actuación orzamentada en 177.561€, cofinanciada con fondos EDUSI, cuxa execución estaba prevista para o pasado ano 2018

Segundo informan os populares, calquera veciño de Ames, que preste atención ao último número do panfleto propagandístico que edita o tripartito, e que leva como nome “94 km”, e en concreto abra a páxina 24 poderá ler: “A nova sede electrónica, que se licitou en decembro, ofrecerá, polo menos, 121 funcionalidades, coas que se favorecerá a mellora dos servizos públicos”.

Evidentemente, anuncia o PP, a noticia non deixa de ser outra das innumerables manipulacións informativas coas que o tripartito de Ames acostuma a bombardear, día si e día tamén a toda a veciñanza, utilizando sen pudor algún un uso partidista e propagandística dando así unha visión interesada e parcial do que acontece, ignorando e menosprezando a labor da oposición.

En relación a esta información, a realidade é que a implantación en Ames da administración electrónica sufriu un novo “pinchazo”. O deseño e implantación da mesma é unha das actuacións importantes recollidas no Programa Operativo de Crecemento Sostible 2014-2020, financiada ao 80% con fondos DUSI. Esta actuación, que foi vendida en reiteradas ocasións como un gran logro do tripartito, debía estar executada a 31 de decembro de 2018 e, sen embargo, sofre un importante retraso. Ante esta innegable realidade, o tripartito tentou, se non executala, alomenos licitala antes de que rematase o exercizo 2018; e con esa intención, iniciaba a propia licitación o 22 de novembro de 2018.

Durante o transcurso do procedemento detectouse un erro material na configuración dos sobres de licitación. Foron configurados só o sobre “A” e o sobre “C”, faltando o sobre “B”. Este erro motivou que, con carácter extraordinario e urxente, se reunise a Xunta de Goberno Local para acordar o desestimento do proceso, a poucas horas de que rematase o prazo de presentación das ofertas, e cando unha empresa xa presentara a súa.

Fracasada esta primeira licitación, iníciase o 10 de decembro de 2018 unha segunda, mediante acordo da Xunta de Goberno. A esta nova licitación acoden tan só dúas empresas, as cales son admitidas unha vez abertos e calificados os sobres “A”.

Por estas datas, o 10 de xaneiro, xa de 2019, o Grupo Municipal informa á opinión pública mediante unha nota de prensa aos medios de comunicación, sobe todo o acontecido e do fracaso da licitación. A máis que furiosa reacción do Goberno non se fixo esperar, e o propio Alcalde, José Miñones califica o difundido polos populares como “noxento” e advirte que “de ningunha maneira imos tolerar que o PP utilice como campaña propagandística, sen ningún tipo de pudor”.

Naquel momento, xa se licitara novamente o contrato, e a pesar diso, o propio Alcalde fala de subsanación, e anuncia a futura apertura dos sobres “B”. A pesar da admisión das dúas empresas tras a apertura dos sobres “A”, tras a apertura dos sobres “B”, o 18 de xaneiro de 2019, a mesa de contratación propón a exclusión dunha das dúas empresas porque o proxecto técnico que presenta excede o límite máximo de páxinas indicadas no Prego de Cláusulas Administrativas Particulares.

No referente á outra empresa, a Mesa de Contratación acorda mandar o proxecto técnico presentado ao correspondente Organismo Técnico Especializado, o cal, tralo correspondente estudo, emite un informe de valoración negativo do Organismo Técnico, propón a exclusión desta outra empresa por non cumprir co establecido no Prego de Prescricións Técnicas.

Habendo proposto a Mesa de Contratación a exclusión das dúas únicas empresas admitidas inicialmente, o tripartito non ten máis opción, mediante acordo da Xunta de Goberno do 31 de xaneiro de 2019, que acordar a exclusión de ambas empresas do procedemento e declarar deserto o expediente de licitación do servizo de deseño e implantación da Administración electrónica; o que implica o inicio dunha terceira licitación do mesmo proxecto.

Comentarios
Lo más