En Marea acusan a Pedro Sánchez de "tirar a toalla" ao convocar eleccións
"En Marea sae a gañar, temos un traballo forte e consolidado no Congreso, mesmo recoñecido polo premio como o grupo máis activo da Cámara", asegura a voceira do grupo En Marea no Congreso
A voceira de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, fixo unha valoración este venres da data anunciada por Pedro Sánchez para as vindeiras eleccións xerais, que se celebrarán o 28 de abril, avanzando que "saímos a gañar cos deberes feitos".
"En Marea sae a gañar, temos un traballo forte e consolidado no Congreso, mesmo recoñecido polo premio como o grupo máis activo da Cámara. Estivemos con moitos colectivos como os traballadores de Navantia, da cultura, do agro, da pesca, de Endesa, de Alcoa, colectivos feministas, as mulleres das conservas... todos tiveron a nosa defensa e voz no Congreso", afirmou Díaz, que sinalou que este grupo está con "ilusión e forza" ante "un momento histórico para frear a barbarie e a Vox".
"Estamos por coñecer o peor do século XX, están vulnerando os dereitos socias, temos a obriga de derrotar a dereita", asegurou a deputada.
Díaz insistiu en que, en canto á data, "non hai novidades". "Dixemos que se non había orzamentos era difícil manter a maioría da moción de censura. Esta data era esperada".
Polo contrario, mostrou "certa decepción" porque o presidente do Goberno no último intre "tirou a toalla e non facilitou o diálogo con Catalunya, que é un problema que continuará", asegurou Díaz, insistindo que Catalunya "merece diálogo e solucións políticas".
O deputado Miguel Anxo Fernán Vello asegurou que Sánchez "tiña que cumprir coa maioría da moción" e "cometeu un erro ao levantarse da mesa de diálogo coas forzas catalanas".
"Sucumbiu á presión da extrema dereita. Sentarse a negociar non é ningún crime, o diálogo construtivo é fundamental", insistiu o deputado.
Ante este novo escenario, Fernán Vello sinalou que "fronte á extrema dereita hai que ter firmeza" e "hai que estar á altura da situación".